Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Saúde, pandemias, vacinas e autismo (I)

A Pandemia da covid-19, con mais de 6,2 millóns de mortes, é a continuación doutras grandes pandemias ao longo da historia: peste negra ou de Xustiniano, século XIV; a aaricela s. XVIII ou a gripe española e sida do s. XX, cadansúa delas con 150, 300 e 50 millóns de mortos, as que hai que engadir a lepra, cólera, sarampelo, tuberculoses, paludismo ou febre amarela.

Con todo, das situacións e experiencias tan dramáticas, hai que sacar ensinanzas que nos permitan reflexionar, cuestionar e avanzar sobre o que pensamos da solidariedade, a diversidade humana, a importancia da ciencia e da medicina, a complexidade das situacións, da prudencia, da ecoloxía e sobre todo do que facemos e como traballamos.

Iniciada a pandemia en 2019 e ao longo de 2020, 2021 e 2022 atopámonos cunha situación dramática e novidosa a que había que facerlle fronte. As rutinas diarias, sumadas a distancia familiar e social, ás novas barreiras, restricións e illamento ían sucedéndose nas actividades do día a dia. Porén, fomos capaces con moito esforzo de adaptarnos e confrontarnos ao que se deu en chamarse unha nova normalidade, unha situación extraordinaria, vivida por cadanseu de nós de forma moi diferente.

A información e a transparencia do que acontecía ía ser a mellor das recomendacións (M. A. Vázquez). Os protocolos, a prevención, as pautas medicamentosas, os servizos mínimos, as quendas, o mantemento dunha certa orde, a limpeza e hixiene, a hostalaría ata as xenerosas propostas por parte dos traballadores de confinarse nos propios centros residenciais para persoas con TEA, para evitar os contaxios externos, eran temas de xenerosidade e continuo debate.

Se algunha das persoas con TEA, presentaba síntomas respiratorios, picos de febre, tose, malestar físico, dor de peito... cal eran as pautas a seguir? Poderiamos facer nós mesmos as probas de descarte no noso colectivo? Como illar as persoas infectadas? Así as cousas, a prioridade non podía ser outra, que poñer a saúde e a vida das persoas con TEA, a das súas familias e a dos traballadores, como o fundamental da nosa actuación. Prevención e coidados, pasaron a un primeiro plano.

Obviamente, son os períodos de crise polos que acabamos de pasar e as súas consecuencias, os que poñen en evidencia as funcións e obxectivos que en tempo de tranquilidade pasan desapercibidas. A experiencia vivida durante a pandemia, tivo aspectos positivos en función dos recursos estruturais e profesionais, que con toda seguridade non serian posibles fora das residencias. Sen embargo, ao longo da pandemia valoramos o propio concepto institucional-residencial, retornando a un antigo debate a redor da desinstitucionalización para as persoas maiores e con TEA, de cara a súa inclusión social, apoiada na participación comunitaria.

A crise xerada pola covid-19, actualizou o debate da atención nos centros residenciais. Son as nosas residencias actualmente o mellor modelo? Debemos preservar a súa continuidade ou ir a un modelo de desinstitucionalización? Cal debería ser a capacidade máxima de persoas atendidas? Como definir os protocolos de atención sanitaria en función das súas estruturas e recursos? Como garantir a seguridade e benestar dos seus usuarios?

Por outra banda, é importante sinalar ás secuelas do denominado síndrome poscovid ou covid-19 prolongado, sobre todo nas persoas con síntomas mentais preexistentes ou que tiveron tratamentos previos con medicamentos antidepresivos ou ansíolíticos, que supuxeron factores de risco con morbilidade nos pacientes infectados ca covid-19, polo que foi prioritario, e así se programou a súa vacinación e atención médica.

Outro tema que xurdiu, e que temos sempre presente. Para calquera cambio que se faga, temos que dar paso, e dunha vez por todas, a participación dos propios usuarios. Non facer nada sen eles, escoitando as súas propostas e poñéndoas en valor. A súa opinión/intereses nos obriga a traballar nelas impulsando a súa autoestima e autodeterminación.

24 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito