Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sementes de supremacismo

    NON é común, porque quizais non se fai doado, representar no cinema valores morais particulares que se van facendo conscientes ao tempo que emerxen sentimientos de culpa ou de compensación. Hai, aínda así, un director que o consegue de maneira maxistral. Paul Schroder volve acadalo na súa última película, saboreada grazas ao privilexio de Cineuropa e nesa magnífica selección de filmes segundo o escollido criterio do director do festival, José Luis Losa.

    O protagonista de Master Gardener (2022), nun papel magníficamente interpretado por Joel Edgerton, reitera que as tatuaxes na pel son memoria incrustada de etapas vitais decisivas, que van estar sempre presentes. Marcas que acenden reflexión e de prudencia, e que non convén apagar.

    A dificultade para plasmar o xurdir paseniño de sentimentos de remorso e de pesadume, e, ao tempo, a clarividencia persoal de valores asociados non é privativa da esfera artística. De natural, os procesos reflexivos de asumir eivas fanse longos, e son amais contados.

    Hai dinámicas con tanto raizame que seguen e seguen porque a potestade solidificada non companga ben coa conciencia desperta. Banalízanse así estruturas establecidas de dominio e mesmo de violencia que só se senten se se toma distancia e se reflexiona. A recente publicidade do Ministerio de Igualdade nesta esfera ten precisamente ese cometido de converter en efectivo o auto-verse.

    Todas temos algo que dicir en contextos de escoita. Dende a linguaxe avaliativa continuada, "que lenta!", "que ambiciosa!", "que soberbia!", "non vas acorde co que se espera!", "que rautosa!", "quen te pensas que eres!"; pasando polos discursos de conmiseración impostada con consellos e explicacións non pedidas, "non vas poder!", "resulta moi canso para ti!", "vai resultarche un contexto duro!"; ou chegar a enunciacións rotundas con rasgos de manipulación máis ou menos encoberta, "estás segura?", "quen che dixo?, de donde procede esa idea?", "menudas ocurrencias as túas!"; e ata xeitos imperativos directos, "recolle eses libros", "organiza eses documentos", "resume a reunión", "non me entendes".

    Todas temos algo que dicir como observadoras perspicaces sobre as funcións que nos tocan. Roles atribuídos en exclusividade para desempeños de subordinación e de atención aos demais. O que se espera de sermos coidadoras, xestoras domésticas, asistentes de amabilidade, axudantes agradables de sorrisos. E sen esquecer recibirmos sen falta o visto bo, porque a mirada transversal de estimación non é da nosa competencia.

    En todas esas maneiras discursivas con tenor de supremacía se constata, aínda sexa sutilmente, a representación social de poder e predominio que incontestablemente se apreciaría se o ton é agresivo ou acedo. Sementes éstas nas que, en calquera caso, xerminan previsibles violencias físicas. E que de seguido van facendo feridas de medo e arredramento que incapacitan.

    Sen dúbida, non sobraría que nas oficinas de igualdade das institucións se elaboraran protocolos conducentes a marcos de interacción equilibrados. Por experiencias vitais propias, todas temos intuicións claras sobre tácticas de fala que, como di o intelixente Woolly nesa luminosa novela de Amor Towles, La autopista Lincoln (Salamandra, 2021), esvaen de súbito tódalas ilusións.

    30 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.