Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Semiótica electoral

    MOITO me gusta a verbosidade en tempo electoral. O que pasa é que desta vez os eslogans de campaña andan faltos de color. E de humor. Botamos de menos aqueles lemas (non moi oficiais) doutras convocatorias: “Con Fraga, hasta la braga”, “Con Feijóo, hasta el refajoo”, “ Con Beiras, até as faldriqueiras”, e así. Pero a batalla co célebre virus rebaixou o festival, e despois dunha guerra todo o mundo é perdedor.

    Ben o sabía Churchill, que volveu vencedor nas cafurnas e resultou derrotado nas urnas. E Feijóo é o noso Churchill. As enquisas danlle fartura de número pero o lema delata fracura de letra, porque malla (tres veces) nunha soa palabra: “Galicia, Galicia, Galicia”.

    Verba grande ande ou non ande. Iso seica é o que nos propoñen as resecas meninxes dos creativos e asesores de campaña: “Progreso, progreso, progreso”, recunca tamén Gonzalo Caballero. Esta palabra só tivo color no século XIX. Hoxe “progreso” é unha voz espectral que voa carroñenta sobre a esterqueira de plásticos e virus do planeta. Invocar a estas alturas o “progreso” é converter o discurso electoral nun nigrolecto, nun anunciador de negruras.

    E aínda por riba recorda a aquel noso e nefando goberno “Tripartito” de hai máis de trinta anos, que –como o seu nome predica– producía calamidades por triplicado: tres universidades, tres aeroportos...

    No caso de Galicia en Común, o retrouso triverboide é obvio. “Común, común, común” funciona como síntese do ideologema, que diría Julia Kristeva (quen se acorda dela), e ao mesmo tempo aproveita o feitizo bolchevique da palabra “común”: esa malversación semántica pola que unha minoría quere significar unha maioría.

    Entre as trilexias que de xeito expreso ou tácito nos guindan nesta xeira electoral os partidos políticos, a máis cativadora e sutil é a do BNG. Aboiaba estoutro día no aire de Verín, que é onde o nacionalismo vén representando ultimamente o efecto Nunca máis. De súpeto, un militante do Bloque da localidade entoou a canción de berce e proclamou o encanto do cueiro: “Mamá, mamá, mamá”.

    Foi un impulso electoral/sentimental que mesmo parece inspirado na teoría de Susanita (a de Mafalda) sobre a “producción hijícola”, que pode resultar moi oportuna nestes nosos días de inverno demográfico. Agradécese este refinamento da linguaxe de campaña do BNG, tan feminina e delicada, que nos propón agora “Mamá, mamá, mamá”. Porque non nos gustaba nada aqueloutro lema tan feminista e bravú: “Estamos hasta a cona”.

    Feijóo xa debe andar a ler o Trumph and Tragedy de Churchill.

    04 jul 2020 / 00:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.