Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sen fungos as plantas non sobreviven

    AS plantas atópanse na base da base da pirámide trófica, da alimentación dos seres vivos. Sen plantas quen ía fixar o carbono (CO2) e libertar osíxeno? Que comerían os animais herbívoros?

    Todas as persoas saben que sen plantas a vida non podería existir tal como a entendemos hoxe, pero son moitos os que ignoran que sen fungos as que non poderían sobrevivir son as plantas.

    Os investigadores en micoloxía comprobaron que o 99,9 % das plantas necesitan asociarse con fungos para ser capaces de desenvolver adecuadamente o seu sistema fisiolóxico, captar os nutrientes necesarios e defenderse de moitos parasitos procedentes do solo e que os atacan a través das raíces.

    A comunicación entre ambos organismos é unha simbiose, unha relación mutualista, xa que o fungo é beneficioso para a planta, pero non o é a costo cero. El tamén rentabiliza a axuda aceptando os hidratos de carbono, a materia orgánica, que lle ofrece a planta e que, previamente, fabricou nas follas durante a fotosíntese. A esta relación coñéceselle como micorriza.

    Os fungos que forman micorrizas non son todos iguais, nin establecen o mesmo tipo de comunicación coa planta hospedadora. Uns penetran no interior da raíz e establecen relación a través das paredes celulares, mais penetran no interior das células radicais e reprodúcense mediante esporas, pero non forman cogomelos, son as MVA.

    Noutros casos forman unha rede que rodea totalmente as partes máis novas das raíces, non penetran no interior das células, ectomicorrizas, e son os fungos produtores de cogomelos.

    Esta é a razón pola que cando un bosque se queima, cando o lume é persistente durante horas e alcanza temperaturas moi altas, as micorrizas ásanse e morren, deixa de haber cogomelos.

    Algo semellante ocorre cando unha floresta se fresa. Os arados profundos rompen as raíces máis noviñas, as que teñen os fungos micorrizóxenos, por iso as árbores non morren, conservan as raíces en profundidade, pero os fungos, si e tamén deixa de haber cogomelos.

    O mesmo ocorre cando se tala indiscriminadamente unha plantación arbórea. Se se retira o hospedador, o hospede sofre e, como moito, aguantan 6-8 meses, despois morren e ficamos sen cogomelos.

    Só nos bosques e florestas que teñen unha boa calidade ecolóxica existen micorrizas, das que nacen as especies máis apreciadas como comestibles: andoas, cantarelas, trompetas, linguas de ovella, tortullos, cesáreas... Para poder gozar da micogastronomía, coidemos das árbores!

    13 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.