Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sentidiño profundado

    PRINCIPIO e fin de ano son momentos propicios para estimacións e balances. Nas circunstancias actuais de ruído pandémico case que miramos sobre todo cara adiante. Depositamos no recén estreado 2022 “o combustible de esperanza e de ilusión tan necesario para vivir”, que diría, mesmo na pesadume de seu, o escritor xaponés H. Murakami (1Q84, Tusquets).

    Tamén, cando se vai tendo unha idade e os padróns de rutinas dan pouca marxe ás novidades no pasado máis achegado, apúntase cara ao futuro. No porvir aínda hai chaves para abrirmos portas de entusiasmo e lecer.

    En calquera caso, tanto ter memoria do tempo que se foi como facer proxeccións do que vai vir, requiren atención e sentido interior do que aconteceu e do que poidera ser. Valorar o pasado e ter recursos para estimar o futuro debuxado esixe ser conscentes. A capacidade para autoreflexionar e autoavaliarse quizais sexa o ingrediente capital de sermos humanos. O reflexo físico de autorecoñecemento nun espello parece ser que funciona en primates, mais o vérmonos e poder valorármonos no fondo do que facemos, é exclusivo da nosa especie.

    Xa o portentoso lingüista americano Ch. Hockett (1916-2000), subliñaba nos anos ’50 a propiedade da reflexividade como característica crucial que diferencia a linguaxe humana fronte aos sistemas de comunicación animal. Usarmos a linguaxe para falar de ela mesma é posible porque somos quen de mirar e valorar a ferramenta comunicativa, podemos convertela nun obxecto de interés reflexivo.

    As abellas usan a danza para indicar fontes de néctar, os primates teñen linguaxe articulado con funcións de chamada e reprodución, os paxaros teñen cantos de significación variada, pero ningún destes sistemas é susceptible de ser usado para automencionarse.

    Sendo como é unha cualidade privativa da nosa especie, porén a consciencia ha ser promovida. Semella que unha educación avaliativa, e máis en persoas sensibles, impulsa xuízos de valor sobre os propios actos. O escritor noruegués K.O. Knausgård (En verano, Anagrama 2021), confesa un nivel extremo de autoreflexión e de vergoña consecuencia de ser estimulado de seguido na autovaloración por parte de seu pai. Mais na xente nova non é común un grao abondoso de reflexividade.

    Hai asimesmo circunstancias de atipicidade con ausencia total de autorecoñecemento e avaliación, sexa na esfera física (percepcións distorsionadas do corpo en trastornos alimentarios) ou sexa na dimensión estimativa de prácticas dañinas (psicópatas sen xuízo empático).

    Nese trenzado filme recente que é O contador de cartas (2021), e que con acume dirixe P. Schrader, relátanse xeitos de redimir faltas de consciencia. O protagonista, con interpretación magnífica de O. Isaac, afonda amodo na súa crueldade previamente normalizada sen reflexión algunha, e así vai espertando a consciencia e a necesidade contundente de pagar pola brutalidade antes banalizada.

    Non estaría de máis desenvolver niveis básicos de automirada que peneiren situacións grotescas. Ao fin, o sentidiño ben profundado acompáñase de prudencia e medida do ridículo. Unha declaración pública non deixa de ser irrelevante aínda que se faga diante de estantes de libros. As obviedades sobre as funcións da máscara en sitios pechados e abertos seguen a ser focos de atención enganosos cando certamente “mal non fan”. Ser número un en competición física non equivale a ser conscente de seu: as autoestimacións precisan de certa dose de modestia que dea cabida ao feito de que o resto temos criterio.

    15 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito