Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ser galego ou galega sen sabelo

    Hai uns días lia nun xornal da Coruña que había 523.856 galegos e galegas vivindo no exterior, ou sexa tantos como nos concellos de A Coruña e Vigo. Mais logo engadía que deles 375.988 naceran no estranxeiro, ou sexa, que se trata de descendentes que solicitaron a nacionalidade “española” por algunha razón, dende aqueles que queren manter o nexo coa terra dos seus pais e nais, até os que o fan exclusivamente por se nalgún momento queren emigrar á Unión Europea. Se estendésemos este criterio a todos os descendentes de primeiro e segundo grao de galegos e galegas sumarían millóns, xa que a maioría non optou pola cidadanía “española”.

    En poucas palabras que a maior parte destes supostos galegos e galegas que residen no exterior non teñen ningún vencello directo con Galiza, e se lle preguntásemos como se identifican dirían que se senten arxentinos/as, brasileiros/as, cubanos/as, uruguaios/as, etc. Se cadra haxa unha diferenza nesta contestación naqueles que son descendentes de emigrantes en Europa, onde as diferenzas culturais son máis profundas e as relacións con Galiza máis frecuentes. Unha situación particular tamén é a dos que emigraron a outras nacionalidades ou autonomías do Estado español, que nestas cifras non se teñen en consideración: como se non fosen emigrantes os que viven en Madrid, Cataluña, Canarias, Andalucía...

    Sei do que falo, a maior parte da familia do meu pai emigrou á Arxentina, ali vivín dúas décadas e aínda reside a miña nai e miña irma, e seus fillos e fillas, estes teñen cidadanía “española”. Para eles, como para a maioría das persoas na Arxentina e Uruguai até hai unhas décadas todos os españois eran “gallegos”, os galegos de nacemento eran máis de un millón na América Latina na década dos sesenta do século pasado. Agora ben, agás situacións moi especificas, os descendentes asumen seu país de nacemento como súa identidade colectiva. É lóxico que sexa así, mesmo que as galegas e galegos destacasen polo seu amor á Terra de orixe (a morriña), na súa maioría querían retornar, mais a vida e a situación política e económica complicóuselles, e fixeron un esforzo porque seus fillos e fillas se integrasen, mesmo os nacidos na Galiza que chegaron de pequenos.

    Non sumemos galegos e galegas que non existen. Facer análises correctas da realidade non resta posibilidade aos descendentes respecto de acadar a nacionalidade, e ter todos os dereitos se deciden facer o camiño ao envés que seus pais e nais. En cambio sumemos como emigrantes aqueles galegos e galegas que residen no resto do Estado, que semella que polo feito de marchar xa perderon a súa identidade, xa non contan. Vexase que é un criterio carente de lóxica. Será por motivos político-ideolóxicos?

    E, por último, tampouco é o mesmo vivir na Galiza con todos os dereitos e obrigacións como inmigrante, e sentíndose como tal, mesmo que en moitos casos sexa de xeito transitorio, que ter nacido no país ou levar moitos anos nel. Claro que neste caso, como pasou na miña etapa de emigrante na Arxentina, ademais depende do interese e posibilidade do/da inmigrante para se integrar, non só no ámbito laboral, senón tamén no social, cultural e político. Neste aspecto axudarían medidas máis efectivas de integración, mais para telas é importante recoñecer a realidade, a diversidade identitaria, cultural, mesmo histórica. E non solucionalo todo co cosmopolitismo e as fronteiras abertas; pechando os ollos, por exemplo, a que máis da metade das familias inmigrantes, representantes dunha gran pluralidade de povos de fóra do Estado español, viven en situación de pobreza segundo as enquisas e cumprindo as tarefas máis duras.

    En fin, non sumemos o que non corresponde, xa que é unha apropiación indebida. Unha cuestión son os cidadáns con dereitos na Galiza, e outro os galegos e galegas que se senten como tais, comezando por aqueles que naceron no país e todos aqueles que o adoptaron como seu. Reivindiquemos que as nacións ás que os galegos e galegas emigramos masivamente teñen un anaco da nosa cultura, lingua, como aporte. Recoñezamos que hoxe somos unha sociedade na que vive unha minoría doutras nacionalidades. Hai que telos en conta, tanto aos que marcharon e aos que viñeron, nun caso como un problema mal resolto, que deixou como única vía a emigración, e na inmigración como aporte e como reto de integración. Só iso, que non é pouca cousa.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    25 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito