Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Simplismo campante

    CON frases curtas e rotundas. Coma lemas de publicidade ou de propaganda política. E nun mundo afeito á présa e ao tallante. Así son boa parte das interaccións de cada día. Semella vivirmos momentos de pensamento chairo. Ata chegar a necidade de afirmar que a terra é plana, ou que as especies non mudan. A pouco máis e séntese o desprezo burlón da ignorancia cara un coñecemento científico xa asumido como razoamento común.

    Pero as figuras de Eratóstenes, de Galileo e de Darwin non se abaten facilmente, sobre todo se un se pregunta por que as rutas aéreas entre América e Asia son máis breves cando atravesan os Polos, ou se para un pouco en mirar comportamentos de bonobos e de nenos pequenos. Tamén se pode achegar un ao filme Ágora (2009) de A. Amenábar, que con tanta finura recrea a escola de Alexandría, e visualizar as estratexias da grande xeómetra, Hypatia, para demostrar con rigor as figuras, as distancias, e as posicións no Universo.

    Nesa literalidade vital, hainos que volven o sermos libres en dereito sen péga para dicir e facer o que lles peta: a liberdade é en si mesma a xustificación, o pseudoargumento para defender o que realmente debera demostrarse. Simplismo parello a aquelas respostas de meu pai cando era nena: “porque son teu pai”.

    Hai uns días a manifestación negacionista do proveito das máscaras e da distancia interpersoal, e promotora da conspiración para sermos controlados, abandeiraba sen máis o lema dos seus dereitos para ir á contra. Sen recantos nen estratos. Teño dereito e vou facer unha festa. Son libre e vou dicirlle ao veciño que está manipulado. Así, sen contemplacións, sen peneiras. Non se pensa que todo dereito leva asociada algunha obriga, nin menos se repara en que para exercer un dereito han darse condicionantes que lle outorguen sentido e o fagan relevante.

    Hai tempo unha preadolescente preguntoume de xeito mitigado se eu era partidaria do aborto. Contesteille que esa non era a cuestión, que había que reformular a pregunta e focalizala nunha lei sobre o dereito á interrupción do embarazo. Dereito claro está que no seu exercicio particular seguro levaba motivos pertinentes asociados.

    Un libro de mártires americanos (2017) foi o primeiro libro que descubrín da extraordinaria Joyce Carol Oates (1938), tantas veces recomendada pola miña filla Sofía, que ben sabe das miñas preferencias. Nesa novela móstranse xeitos de entender os dereitos e de exercer a liberdade. Dúas familias norteamericanas, unha con ideas relixiosas prendidas; outra de mentalidade progresista cun pai médico que traballa en clínicas nas que se interrompen embarazos. De fondo, as crenzas, as conviccións, a liberdade e as leis de dereito ao aborto. E, ao tempo, os paradoxos de, por defender a vida, converterse nun asasino; de, por ser solidario, abeirar a familia.

    O mundo é complexo e non casa ben con frases simples reducidas á súa lectura literal. Enunciados como “teño dereito a”, ou “todos somos iguais”, non son máis que declaración xenéricas. Ter dereito a reclamar a cualificación nun exame non abonda para tramitar o proceso: precísanse razóns relevantes para converter en acto aquel dereito potencial.

    O exercicio da libertade no uso dos dereitos móveo sempre a pertinencia dos motivos. Non é unha actividade mecánica que se automatiza sen máis. Polo de agora aínda seguimos sendo humáns pensantes.

    15 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.