Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Só é cuestión de falta de iniciativa?

    O pasado domingo Reyes Maroto, a Ministra de Industria e Turismo, publicaba un artigo nun xornal de Vigo no que pretendía destacar os investimentos que nesta materia realizou o actual Governo e debuxar un futuro de oportunidades para a inustrialización, especialmente no sector automotriz, na aposta polo coche eléctrico. Pon como exemplo a fábrica de baterías da empresa público-privada de Barcelona. No artigo tamén poñía o acento na fortaleza exportadora de Galiza neste sector e no conserveiro, no compromiso de construción de dúas fragatas en Navantia, e que nos últimos tres anos investiuse 56 millóns de euros en 15 proxectos. Esta última tratase dunha cantidade mínima para o sector industrial, e representativa de ver á economía galega como marxinal.

    Resulta evidente que este artigo da ministra pretende contrarrestar a idea, que cada vez ten maior forza na sociedade galega, a respecto do trato discriminatorio por parte do Estado español, que se reflicte no continuo desmantelamento industrial. Daquela que utilice os poucos activos que Sánchez ten nesta materia e colocar a responsabilidade da desfeita na falta de iniciativa pública e privada do noso país. Polo que, a modo de revelación diante dos profanos, indica que: “invito a participar neste gran proxecto” en referencia ao das baterías para a automoción. Reducindo o futuro industrial do país ao monocultivo, neste caso a industria automotriz, aproveitando os recursos monetarios dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE). Unha proposta que suma ao Fondo de Apoio ao Investimento Industrial Produtivo, de 600 millóns anuais. Unha contía mínima tendo en consideración o seu ámbito territorial de aplicación.

    Estes recursos son parte dos fondos europeos e, mesmo obedecendo a unha distribución de roles, sen dúbida deixaran algunha marxe para que se reaxusten no marco do Estado español (EE). Daquela que o Governo central non poda botar valóns fóra, e moito menos o PSOE e PP galegos, tendo en consideración as consecuencias para o futuro de Galiza, máxime cando existe unha importante débeda histórica. Non se pode ignorar que nas últimas catro décadas pasamos do 7,6% da povoación do Estado ao 5,7%. Ou sexa teriamos que ter 830.000 habitantes máis para manter noso peso no Estado español de principios dos oitenta. A expulsión da mocidade e a caída da natalidade é a que aumentou artificialmente o PIB por persoa, en contraposición co recuar do PIB nominal respecto do EE.

    A ministra esquece a importancia para Galiza da produción de enerxía eléctrica, o téxtil, o naval, a conserva, a construción de aeroxeradores, o sector forestal e gandeiro, alumina-aluminio, etc. Ou sexa, esquece a sectores que están a ser desmantelados, aos que non se lle dá alternativas, para alén das promesas, e que Reyes Maroto nen sequera nomea no seu artigo. Por exemplo, porque o seu Ministerio non merca a fábrica de aluminio primario, a única no Estado español, que quere pechar Alcoa. Ou porque non hai alternativas ao desmantelamento case total de Endesa, que afecta a milleiros de persoas directamente e indirectamente. Ou, sendo verdade que se van facer dúas fragatas en Navantia de Ferrol, dentro duns anos, mentres gran parte do persoal está na casa por falta de carga de traballo que si teñen outros estaleiros, e as auxiliares están no desemprego, non se buscan proxectos alternativos. E así poderiamos sumar unha morea máis empresas estratéxicas con graves problemas, como Xeal e Alu Ibérica. Cales son as propostas para estas empresas? Non semella casual que se esqueza delas, dea solucións parciais ou a longo prazo.

    Esquece no seu artigo que gran parte da industria máis dinámica foi pasando nas últimas décadas a mans de empresas non galegas, unha boa parte delas con sede en Madrid, co que iso implica en relación coa investigación, o investimento, e o interese respecto da problemática social e económica do noso país. A situación económico social galega non é de falta de iniciativa, como se amosa coa revolución da produción de leite e gandeira, o desenvolvemento do sector pesqueiro, forestal, enerxético, téxtil e naval, granito e lousa, e no seu día da louza, maquinas de coser, etc por iniciativa ligada a persoas e colectivos emprendedores. Na Galiza non todo foi e é atraso e pasividade e derrotismo, tamén houbo e hai creación, iniciativa e loita.

    A cuestión é que, fronte á dependencia secular, respondeuse cunha actitude submisa por parte das forzas políticas na Galiza de ámbito estatal, concretamente para completar os ciclos produtivos (coa hipótese de que dese xeito se obtiñan maiores réditos para o país, vexase na praxe a diferenza con Euskadi e Cataluña). O propio poderíase dicir da patronal galega, agás casos illados. Obviando, porque interesaba obrar así como grupo, que a economía, a cultura, a loita de clases, as cuestións nacionais, a acción política, están interrelacionadas. Sei que igual ou maior responsabilidade ten o PP, mesmo cando o Governo central tiña un presidente nacido na Galiza. E outro tanto pódese dicir da Xunta de Fraga e de Feijóo. Mais neste caso ademais de non aportar solucións, como é seu deber, queren dar leccións.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    18 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito