Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Solidariedades con matices

    Outra ondada de refuxiados ás portas, como unha das consecuencias do humillante final de vinte anos de intervención occidental inútil en Afganistán. De momento, parece que todos están de acordo (nos países da OTAN) en evacuar e acoller aos afgáns que colaboraron coas forzas occidentais. Xa veremos qué pasará máis adiante, cando empecen a chegar ás fronteiras europeas as masas de refuxiados que logren culminar as novas rutas da desesperación. Pode que entón non haxa tanto acordo.

    Algúns xa pensan en medidas preventivas: por exemplo, en axudar aos países fronteirizos con Afganistán para que eles se encarguen de reter aos refuxiados. Como se lle financia a Turquía, desde hai seis anos, para que conteñan aos fuxitivos da guerra siria, ou a Marrocos para conter aos subsaharianos que percorren media África en busca do “paraíso” e aos propios marroquís sen recursos que tamén soñan con saltar o Estreito. Países xendarmes que non dubidan en chantaxear con afrouxar os seus controis se non se lles sube a tarifa ou se lles molesta algunha actitude do pagador.

    A acollida de tanto fuxitivo da precariedade xera desacordos na Europa da prosperidade. E eses desacordos fan imposíbel concretar unha política migratoria común na Unión Europea, e iso tamén contamina a política de asilo, que xa hai tempo que deixou de ser, na práctica, unha obrigación ética e xurídica dun Estado democrático. España, Italia e Grecia soportan a carga maior de chegadas directas da inmigración incontrolada, sen que haxa maneira de repartir a carga entre os 27, que podería ser unha forma de que deixasen de ser unha carga e se convertesen nunha contribución á renovación demográfica e laboral dun continente envellecido.

    O fenómeno de deixar sos aos países receptores prodúcese tamén no interior deses propios países. O problema do milleiro de menores marroquís lanzados a Ceuta, naquela lamentábel operación de represalia do goberno de Rabat no pasado mes de maio, é un exemplo. Cando o goberno da cidade autónoma e o Ministerio do Interior recorreron a un atallo interpretativo das normas para axilizar un retorno dos menores a Marrocos, o defensor do Pobo, a Fiscalía Xeral e diversas organizacións humanitarias reclamaron unha aplicación estrita da lei de estranxeiría. Pero, meses antes, cando se pediu a colaboración ás comunidades autónomas (competentes na materia) para repartirse a atención a ese milleiro de rapaces, que constitúen un problema serio de asistencia nunha cidade de 85.000 habitantes pero que apenas incrementarían os niveis asistenciais do conxunto de España, todas atoparon algunha escusa para desentenderse do problema. O defensor do Pobo, a fiscalía e as organizacións humanitarias non reclamaron nada entón.

    Os receos en Europa contra refuxiados e inmigrantes, sobre todo se son musulmáns, asiáticos ou africanos, son un trunfo do discurso da extrema dereita, que está a contaminar as actitudes do resto de forzas políticas. En España, hai un receo especial contra os denominados administrativamente “Menores Estranxeiros Non Acompañados” (MENA), obxecto principal das iras de Vox. Este problema dos menores marroquís en Ceuta, sobre todo na insolidariedade das comunidades autónomas, pode interpretarse como un trunfo dese discurso, que avalou, por certo, a Audiencia Provincial de Madrid na pasada campaña electoral madrileña.

    Unha cousa é a solidariedade espontánea e emocional ante unha gran catástrofe, como pasa agora con estes primeiros refuxiados afgáns, aos que, ademais, se lles considera dos “nosos”, porque colaboraron coas nosas forzas. As comunidades autónomas si están dispostas agora a facerse a foto solidaria. Pero outra cousa é aceptar aos que chaman todos os días ás portas do exclusivo club europeo coa inxenua esperanza de participar das migallas da súa prosperidade.

    Xosé A. Gaciño

    25 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito