Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Somos ou non somos pobres?

    “Necesitamos decidir no que se inviste. Se o Estado realiza só transferencias finalistas, na práctica, non temos autonomía. A autonomía política non serve de nada se non temos máis autonomía financeira”.

    Quen así falaba no Parlamento non era Ana Pontón (BNG), senón o conselleiro de Facenda C. Xilberte Otero Díaz, membro do Goberno de Fernández Albor (AP).

    Agora que se puxo en marcha a Comisión Parlamentaria para un novo financiamento autonómico, poida que deberían comezar a discutir primeiramente se queremos máis autonomía ou non.

    Nos primeiros anos semella que estaba claro. Carlos Mella no eido económico bregaba a brazo partido en Madrid non só para conseguir mellores transferencias, senón capacidade para decidir desde a Xunta os investimentos. Tamén o outro vicepresidente, Barreiro Rivas, quen o diría!, teimaba para que Galiza fose quen de optar en que gastaba o “seu” diñeiro, sen imposicións do Goberno Central.

    Hoxe, os seus sucesores partidarios semellan estar nas antípodas daquelas reivindicacións. Tamén o PSOE, que no aspecto de soberanía financeira é tan centralista como o PP. Pobre Ceferino Díaz! Núñez Feixóo e os seus reclaman outro modelo financeiro. Pero coalínganse nestas reivindicacións con outras autonomías, máis ou menos “abandonadas”. É outro xeito disolver o problema, letal para Galiza no ámbito fiscal e financeiro e pernicioso no político.

    A nai do año reside en que o PP (e tamén o PSdG, se existe) non queren maior autonomía, por iso enmascaran as súas reivindicacións na faramalla das rexións.

    Se se fala de autonomía fiscal e financeira, berran, “arrenégote demo”! Argumentan que somos pobres. Que sería de nós sen a protección do papá Estado! Non son quen de soster esta afirmación con números, só con axiomas políticos de colonizados. Uns non creen en Nós, outros non queren que o pobo crea en si, pois é un paso moi perigoso no proceso de emancipación nacional.

    Os datos afirman que temos un déficit fiscal de 4.562 ME. Recadamos 13.222 e so nos devolven 8.650 ME. Sería moito pedir que os impostos se recaden no País e, logo, se fagan as contas co Estado? Porque outros si e Nós non?

    04 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito