Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Somos tontos

    O presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, chamounos tontos. As súas palabras foron corroboradas entre gargalladas polos presentes. Sábense intocábeis!

    Sánchez Galán cobrou o ano pasado 13,2 millóns de euros
    de soldo, un 8,23% máis co ano anterior. Iberdrola obtivo uns beneficios neste trimestre de 1.058 millóns de euros esquilmando os nosos recursos, degradando a nosa paisaxe, subindo a electricidade.

    Se cadra ten razón, somos uns tontos. Así o deben de pensar tamén os directivos das outras grandes empresas eléctricas, pois entre todas duplicaron o ano pasado os beneficios, acadando os 6.500 millóns de euros. Mais de 240 millóns foron para o Estado italiano, propietario de Endesa, porque eles si que teñen empresas eléctricas nacionalizadas. Aquí, pola contra, os anteriores presidentes do Goberno e algúns ministros están nos seus consellos de administración.

    E se ollamos para as outras empresas enerxéticas... Repsol disparou ou beneficios neste primeiro trimestre pola aumento do prezo dos combustíbeis, chegando a 1.392 millóns de euros, con folga de transporte e todo.

    A banca non lle vai á zaga na súa labor depredadora e de incautación de plusvalías. Neste primeiro trimestre do ano gañou 4.430 millóns de euros. Un 22% máis que hai un ano.

    O BBVA, acadou uns beneficios de 1.651 millóns, un 36,4% máis. O Santander 2.288 millóns. A nosa Abanca, aumentou os
    beneficios nun 13,3%, chegando aos 81 millóns.

    Os seus directivos tamén pensan, seguramente, que a maioría dos cidadáns somos tontos e que, pola contra, eles son moi listos. Porque estes beneficios arrepiantes para unha cidadanía en crises, lográronos pechando oficinas, despedindo a miles de traballadores e aumentando unha e outra vez as comisións que nos cobran non so por realizar operacións bancarias, senón por gardarnos o noso diñeiro.

    Os prezos suben, os nosos cartos baixan... A pensión de 67.000 galegos está por debaixo dos 500 euros! Pódese actuar, necesítanse decisións políticas.

    Se seguimos calados e mansos moi listos non seremos.

    07 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.