Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Son iguais os pensionistas?

    SOSTEMOS que hai unha certa inxustiza ao tratar como homoxéneo o colectivo de pensionistas, dada a súa composición. Nen todos os existentes teñen un nível idéntico de remuneración nen a procedencia do seu segmento social é igual, nen sequer as posibilidades de vida independente son semellantes.

    Da desigualdade de partida pode dar conta a situación na escala social de empregados que vai marcando ao longo da vida activa as diferenzas de partida: cualificación, lugar no posto de traballo, sector económico de emprego, posibilidade de promoción ao longo da vida activa, e por descontado a parte de salario máis ou menos satisfactorio á hora de permitir un certo aforro. Destes elementos hai un determinante na historia da vida dos traballadores hoxe xubilados: a existencia ou non de negociación colectiva no conxunto de que tratemos.

    As características salariais e non salariais dos traballadores industriais dos grandes complexos da industria estratéxica da segunda metade do século XX non son comparábeis coas condicións laborais doutros coetáneos en distintos segmentos de actividade laboral. Na industria do automóbel, das empresas ex-públicas (desde eléctricas á de telefonía), en xeral, da grande industria e de certos subsectores dos servizos (banca, sanidade, transporte, loxística e máis recentemente informática), houbo condicións laborais, en numerosas ocasións, pactadas, e non comparábeis coas doutras actividades.

    É dicer, en igualdade de cualificación, un traballador técnico medio da compañía monopolio da telefonía non gardaba comparación co empregado dunha central de distribución de correos. As condicións laborais froito dun pacto en forma de convenio colectivo permiten na vida activa unha vixilancia –ao menos teórica– do cumprimento das normas legais, e no caso de conflito laboral ou situación de descontento, negocialas e melloralas. Debemos citar á parte o conxunto de traballadores funcionarios e asimilados da función pública, por se tratar dun caso singular. Neste caso, e só despois da ditadura, a posibilidade de conflito, de negociación e de melloras nas condicións laborais déronse nun ambiente enrarecido, dada a única vantaxe do contrato de funcionario: a moi difícil remoción, e sobre esta especie de mito se levantou o edificio ficticio das condicións –de privilexio– laborais do funcionario.

    Os funcionarios pensionistas tampouco son un conxunto homoxéneo, salvo á hora de seren tratados polo Estado, e polos sindicatos estatais que andan sempre nos acordos, como un colectivo único: é dicer, até agora teñen sufrido conxelacións laborais cando hai que recortar gasto público, reducións da capacidade adquisitiva de forma linear ao longo das crises últimas, merma de dereitos adquiridos, conxelación da renovación de efectivos laborais, e o que é pior: o Estado é a primeira empresa na listaxe de competidores polo número en precario dos seus empregados.

    Por esta razón é inadmisíbel, non é adecuado, que os empresarios intenten –opinamos que de forma suicida en termos de mercado de demanda– recortar salarios (e pensións) dos empregados públicos cun pacto de rendas. Os salarios e restantes condicións laborais dos empregados públicos precisan ser tratados no marco dunha reforma da Administración Pública (eternamente pendente de modernización mesmo co significado do século XX) e non tratar hoxe, simplesmente, de aforrar en fondos salariais duns servizos indispensábeis (Continuará).

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.