Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Subvencionar os caixeiros dos bancos

    Estase a falar de subvencionar os bancos por poñer caixeiros no rural xusto cando estes están a pechar alí as súas oficinas.

    Queren subvencionar grandes fortunas que abusan de nós cobrándonos comisións por ter unha conta corrente e operar con ela.

    Líbranse de que os expropiemos por abuso contra a cidadanía e aínda lles queren entregar cartos públicos.

    Teríamos que facer unha lei que obrigue a ter oficinas bancarias e caixeiros no rural. Os bancos son unhas fortunas económicas que gañan os cartos abusando dos seus clientes que somos os cidadáns.

    Lembrades cando con un goberno de Felipe González foi expropiado por Miguel Boyer o Holding de Ruiz Mateos, Rumasa? Aí foron expropiados varios bancos que despois se venderon a prezo de saldo e reprivatizados, demostrándose desa maneira que os gobernos españois (incluídos os do PSOE) se negan a expropiar a banca privada e a entregan a xente que o único que quere facer cos nosos cartos é negocio.

    No meu concello pecharon dúas oficinas bancarias en catro quilómetros; unha do Abanca e outra do Sabadell-galego. Eu fun á oficina que agora me toca de Abanca falar co seu director para protestar polas comisións que me cobran (máis de cen euros ao ano) e me dixeron que para non pagar comisións tiña que contratar dous seguros con eles. Díxenlles que eu non precisaba seguros e me indicou o do coche e o de decesos; ao dicirlle que eu non teño coche e o de decesos xa o paga miña nai para ela e para os fillos, dende que nós somos críos, non soubo buscarme unha solución á miña protesta. Aínda por riba de que nos quitan os cartos descaradamente das nosas contas coa escusa das súas comisións, péchannos oficinas no rural e non temos os caixeiros e servizos necesarios.

    Isto é un problema para moitas persoas maiores que non teñen medios para desprazarse. Vanlle ofrecer aos maiores que non teñen permiso de conducir créditos para que merquen coches para desprazarse as súas oficinas?

    Estas entidades bancarias están protexidas polos poderes públicos. Isto é fácil de enteender se temos en conta que os partidos políticos que poden acceder ao goberno de España recorren aos bancos para pediren créditos e poderen pagar as súas campañas electorais.

    O rural galego está quedando esquecido por estas entidades financeiras.

    Sería preciso crear unha banca galega pública que competira coa banca privada eliminando comisións e poñendo unhas boas condicións nos seus produtos financeiros para o conxunto da poboación. Isto non é unha idea radical, lembrade a antiga Argentaria pública, onde xuntaron tres entidades financeiras públicas para facer un banco máis grande e atractivo para que o mercara o capital privado e eliminar a banca pública do Estado español.

    Se houbo unha época que existiu a banca pública, tamén agora podemos ter unha banca galega pública.

    26 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito