Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sumando

    YOLANDA Díaz está encismada en sumar, que é a palabra que ela escolleu de espello para o seu proxecto político. Este verbo merece unha ironía freudiana porque a súa semántica cuantitativa e acumulativa remite ao instinto máis básico do capitalismo, cousa que de primeiras non cadra moito co ideario dunha comunista vella coma Díaz. Antes de querer sumar tanto habería que redistribuír un pouco. Ad summam: sumar é unha verba un chisco impúdica. “Sumar é un instrumento”, dixo hai uns días con candorosa inocencia a concelleira compostelá Marta Lois, moi yolandista ela, que ben se ve que ignora a riqueza metasémica que a palabra instrumento vén traendo no galego popular diacrónico.

    Chamou a atención a suma de improperios que Yolanda guindou estoutro
    día contra o gobernador do Banco de
    España e contra o presidente do Parti-
    do Popular, malpocados, que disque
    non saben nada en materia de inflación
    e salarios. De entrada parecen descualificacións moi viscerais e xenitais, pero
    son xenéticas.

    Ou sexa veñen da orixe, da educación sentimental sindicalista de Díaz, criada no berce das loitas obreiras do tardofranquismo e na épica da reconversión industrial, onde se perfilou algunha sindicalista de vila á que eu lle gardo memoria, coma aquela Rosaura de Morrazo enfeixada no seu xersei marcelino (Camacho), sempre co xesto guillotinador de ministros de Franco.

    O día que Gonzalo Fernández de la Mora, xestor de Obras Públicas e autor de El crepúsculo de las ideologías, veu inaugurar as obras da ponte de Rande, alí se xuntaron figurantes de moi diversa fasquía, e no momento litúrxico no que don Gonzalo chantaba a primeira pedra, a Rosaura gustaríalle guindar a primeira pedrada, pero tivo que se conformar con proferir esta sentencia pétrea: “Que carallo saberás ti de pontes e crepúsculos”. Tal copulación entre pontes e crepúsculos foi moi celebrada nos cenáculos progresistas da redonda.

    Porque así eran aquelas sindicalistas do crepúsculo do franquismo, destemidas fronte a toda presunción de excelencia patriarcal, que empezaban ríndose de Fernández de la Mora, enxeñeiro de Camiños (que saberás ti de pontes), e podían seguir por Einstein (que saberás ti de física teórica), ou Fleming (que saberás ti de penicilina), sempre sumando. Summa stupiditas.

    Pois con esa soberbia subida encana Yolanda Díaz: que saberá Hernández de Cos da inflación, que saberá Feijóo de salarios. Aínda estou vendo a Díaz sumando voz e berro nas manifestacións do 15M, ao lado dunha pancarta que rezaba: “Me sobra mucho mes al final del salario”. Pero agora a ela sóbralle moito salario ao final de mes. E cando os salarios son de moito sumar sempre acaba vindo un crepúsculo.

    10 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito