Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tal día coma hoxe no Pazo de Fonseca

    XA vai alá máis de medio século dende cando, nunha data coma a de hoxe (e refírome ao 17 de maio do 1963), no seo da renacente actividade cultural galeguista da posguerra, levamos adiante a celebración en Galicia e, fundamentalmente, na Universidade en Santiago de Compostela, dunha serie de actos entre os que resultou máis sobresaínte e inaugural o da creación e inicio da que sería a sucesión anual do Día das Letras Galegas na capital da nosa terra. Nestora, procurarei lembrar tan sequera algo daquelas históricas xornadas e tentarei afondar na memoria e na procura dalgún escrito que nos leve a aquel tempo.

    Con antelación, un grupo de estudantes, moitos integrados na Agrupación Cultural O Galo (pioneira na mobilización do asociacionismo cultural en Galicia, dende 1961) foramos ver ao reitor Echeverri, que nos atendeu ben e aceptou o acto; mesmo se editaron invitacións. Na mañá daquel día, celebrouse unha misa na memoria da eximia poeta Rosalía Castro oficiada, en galego, polo cóengo Rafael Taboada Vázquez, da Colexiata da Coruña, na capela compostelá do templo de San Domingos de Bonaval, cunha nutrida asistencia de numerosas entidades, alumnos, personalidades da intelectualidade e público en xeral. A seguir, no Panteón de Galegos Ilustres, onde se ergue o seu túmulo, levouse a cabo unha ofrenda floral.

    Polo serán, ás oito, tivo lugar o acto literario no Salón Artesoado de Fonseca, abarrotado de público universitario e cívico. Presidía o reitor Ángel Jorge Echeverri e o vicerreitor Carlos De Miguel, fixo a presentación o catedrático Enrique Moreno Baez, e a seguido procedeu a pronunciar unha excelente conferencia o ilustre profesor e académico numerario da RAG Ricardo Carballo Calero (a quen en estimada lembranza adicamos durante o 2020 o Día das Letras Galegas) centrada en Rosalía Castro e os seus Cantares gallegos. Estaban tamén na presidencia o tenente de alcalde, o comandante militar da praza, o delegado de Información e Turismo e os catedráticos Moralejo Laso e Moreno Báez. Entre outros persoeiros, estiveron presentes, tamén, os académicos numerarios Domingo García Sabell, Paulino Pedret, Ramón Piñeiro e Iglesia Alvariño, asistindo, asemade, García Domínguez (Borobó), director de EL CORREO GALLEGO, o profesor Varela Jácome, e, polo Seminario de Estudos Galegos, Cordero Carrete.

    Á magnífica conferencia pronunciada polo profesor Carballo Calero, seguiu un recital da autoría de Xohana Torres, de Carlos Casares, de Arcadio López Casanova e de quen asina este texto. O reitor da Universidade pechou a conmemoración felicitando aos participantes na sesión académica e aos que fomos organizadores do Día das Letras Galegas. Na saída, formamos unha procesión xuvenil cívica que foi dende Fonseca á Ferradura. Levabamos unha coroa, que foi depositada no monumento a Rosalía; houbo algunhas intervencións e rematamos cantando o Himno Galego. Foi un día realmente impresionante. Congratulémonos hoxe –no posíbel– por este novo Día das Letras Galegas.

    17 may 2020 / 00:13
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.