Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Talento

    UN sociólogo underground está interesado en saber se eu son de Luar ou de Land Rober. Aquí xa non che preguntan aquilo de si es do Celta ou do Deportivo. Produciuse un salto cualitativo: hai que optar por unha destas dúas filosofías do tresillo televisivo, que curiosamente a semana pasada abismáronse nunha mesma metafísica: a pandeireta.

    Eu sonche máis de Land Rober. O programa de Gayoso xa se nos fai perpetuo tirando a eterno, e a eternidade é moi aburrida. Como mínimo Luar é un programa arqueolóxico (e isto, por paradoxo, é o que del se aproveita). Ademais ultimamente abusa das presentadoras (Fernández, Rey...) morochas. (“La morena es más pecado”, dicía Pérez de Ayala). Pero Land Rober ten máis morbo, non nas acepcións pexorativas da palabra, senón no sentido de excitante da atención, de curiosidade morbolúdica, e mesmo do que os italianos chaman “morbidezza”, verba delicadamente táctil para se referir a ese plus de carnalidade que regalaba Claudia Cardinale. Pero non hai que confundir a morbidezza coa gordura.

    Land Rober ten unha feitura máis complexa ca Luar porque tamén Gayoso e Vilar son homes de corazón moi distinto. O primeiro é persoa discreta, que sabe facer que se lle perdoe que con tan modestos recursos creativos acabase rico. Pero o segundo non é tan discreto, senón máis ben secreto. Sobre todo no sentido etimolóxico da palabra: hai que separalo, hai que darlle de comer aparte, porque segrega humores de diversa química e sabe combinalos.

    O talento de Vilar vén da mestría coa que mestura as súas virtudes e os seus vicios. Recórdanos a aquel francés que aconsellaba aproveitar non só as nosas boas cualidades senón tamén os nosos defectos para dar cun elixir contra os males da vida, da mesma maneira que os medicamentos mesturan herbas salutíferas con velenos. Vilar é un artista do veneno. El, coma aquel portugués (Pessoa), resulta ser un finxidor que finxe tan completamente que chega a finxir a maledicencia que de veras sente.

    En Land Rober non hai nada mórbido no sentido clínico do termo (a única enferma neste programa televisivo é a sintaxe do idioma galego), pero si ten un punto morboso, que non necesita cura (o entertainment é un xénero que o agradece), como tampouco precisa remedio a morbidezza (a lo Claudia Cardinale, podendo ser), porque dá unha grata levidade sensual en pantalla para que o programa non se faga pesado. Por iso hai que perder peso. Non se pode confundir a morbidezza co abdomen.

    Ás veces dá a impresión que neste país o talento (que palabra máis sodomizada) está un pouco a monte (incluso a monte de Venus). Toxos é flores do xenio galego tamén medran noutros nosos xardíns. Habelos hainos, pero hai que (querer) dar con eles.

    29 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito