Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tanques contra o coronavirus

    Podería ser inconstitucional unha sentenza dun Tribunal Constitucional parcialmente caducado? Podería ser inconstitucional unha sentenza dun Tribunal Constitucional parcialmente caducado e que resolve con máis dun ano de atraso o recurso de inconstitucionalidade presentado contra unha decisión tomada polo Goberno e apoiada por unha maioría parlamentaria para responder á situación de emerxencia provocada pola pandemia máis grave dos últimos cen anos? Podería ser inconstitucional afirmar, como parece deducirse desta sentenza do Tribunal Constitucional parcialmente caducado, que unha emerxencia sanitaria debe ser combatida cun estado de excepción que permitiría a detención policial até un máximo de dez días antes de presentar ao detido ou detida ante un xuíz, os rexistros domiciliarios sen autorización xudicial, a intervención de comunicacións postais e telefónicas e a suspensión de medios de comunicación, entre outras posíbeis medidas que non parecen ter nada que ver coa asistencia sanitaria? E como se podería declarar a posíbel inconstitucionalidade dunha sentenza dun Tribunal Constitucional parcialmente caducado, se a propia Constitución Española establece que non cabe recurso algún contra as sentenzas do Tribunal Constitucional?

    A resposta es “non” a todas esas preguntas capciosas. Nin sequera ten sentido falar de Tribunal Constitucional parcialmente caducado, porque a lei orgánica que regula o seu funcionamento xa prevé que os maxistrados do TC continuarán no exercicio das súas funcións até que tomen posesión os que teñen que sucederlles, igual que pasa co Consello Xeral do Poder Xudicial (onde algúns levan máis de dous anos “caducados”). En ningunha desas leis orgánicas, por certo, se contempla o que habería que facer en caso de que non haxa acordo para substituír aos que rematan o seu mandato. Por iso hai quen aproveita, cando queda na oposición (normalmente a dereita), para bloquear a renovación destes órganos e seguir mantendo a maioría afín. É o que se di aproveitarse das lagoas legais, algo perfectamente legal.

    Sempre queda o recurso de reformar a Constitución, como lle din aos independentistas cataláns coa seguridade de que non van conseguilo. Nin os independentistas cataláns, nin todos os periféricos xuntos, nin as esquerdas xuntas nin as dereitas xuntas. Maiorías de tres quintos ou dous terzos, segundo os casos, é unha barreira infranqueábel sen o consenso que se acadou no 1978, unha data que xa queda moi lonxe, no tempo e nas actitudes.

    Mentres chega ese consenso hoxe imposíbel, podería ser inconstitucional que a lei de pandemias que propón a dereita como alternativa non contemplase a posibilidade de sacar os tanques ás rúas para controlar o coronavirus e destruílo a canonazos?

    19 jul 2021 / 09:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito