Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Teatro si ou si

    NA última clase de inglés o noso profesor, John, que naceu en Londres e casou cunha galega, contounos que aos británicos encántalles o teatro. No distrito de West End de Londres hai tal concentración de teatros que cada día se poden ver centos de representacións. Xunto as grandes obras profesionais, que soen estar nas grandes cidades, hai preto de 2.500 grupos de teatro amateur espallados polas vilas de todo o país.

    Actuar nun grupo de teatro amateur e acudir a presenciar as súas obras é unha das grandes afeccións dos británicos. Fano porque gozan con elo e é unha maneira de facer amigos, e da dita paixón participan persoas de todas as clases sociais sen distinción. No acento da fala, esta heteroxeneidade, pola contra, non existe, pois a singularidade do acento que ten cada unha das clases sociais é moi acusada.

    O importante dos actores e actrices amateurs non son as habilidades teatrais que atesouran, senón o seu entusiasmo; e nunca se impide participar a ninguén. Cando John nos contou que ao subir ao escenario os actores sempre din a expresión “moita merda” (break a leg en inglés), acordeime do meu amigo Héctor Barrera, que antes de volver a Arxentina traballou varios anos en EL CORREO GALLEGO e era profesor de teatro. A primeira vez que convidoume a un ensaio e escoitei que os actores dicían iso ao subir escenario, non entendín nada. Ata que me explicou que desexar sorte no teatro da mala sorte e ninguén se atreve a dicilo directamente.

    Ao preguntarnos John se íamos ao teatro de cando en vez, Susana díxolle que máis ben pouco. Eu –para animalo– díxenlle que, unha das veces que a miña irmá pequena veu a Santiago, fomos a ver un monólogo no Teatro Principal; e, na viaxe a Londres que fixeramos no 2018, fomos a ver O fantasma da ópera e Mamma mia! Así como en Santiago tocoume traducir á miña irmá as palabras en galego que non entendía, en Londres tocoulle a ela traducir ao catalán dende o inglés.

    Con isto John quedou máis ou menos contento e continuou contándonos que en case todos os colexios británicos polo Nadal se representa unha obra. As veces tocábache facer de Xosé, outras de anxo e outras de ovella ou pastor; e todos os pais e nais van a ver os seus cativos. Nesa época do ano tamén se representan comedias musicais, coa particularidade de que o público participa cos actores e actrices, uníndose as súas cancións e berrando a estes.

    Como John, que toca o violín e antes do covid actuaba nalgunhas salas de Pontevedra, débenos unha actuación musical, recordeille que ten pendente de traelo a clase. Aínda que Susana pediu máis: por que non organizamos unha función de teatro en inglés para a escola?

    17 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito