Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Tempo de autocrítica

    Canarias, Galicia e Navarra son as únicas afortunadas comunidades autónomas nas que Vox non ten ningunha representación institucional: ningún concelleiro, ningún deputado autonómico, ningún deputado no Congreso, ningún senador. Así era tamén no resto de España desde a fundación de Vox, a finais do 2013 por xente que proviña do Partido Popular, até decembro do 2018, en que acadaron doce escanos no Parlamento de Andalucía. A partir desa data, nas sucesivas eleccións do 2019 (autonómicas, municipais e dúas xerais), Vox foi medrando até converterse na terceira forza política no Congreso dos Deputados.

    En sentido inverso discorreron as traxectorias das dúas forzas que emerxeran nas eleccións europeas do 2014, Podemos e Ciudadanos (esta con experiencia previa no ámbito catalán), que conseguiron abrir brecha no bipartidismo do PP e PSOE até o punto de que chegaron a crer que poderían substituílos. Precisamente as presas obsesivas por superar a cada un dos seus referentes, na esquerda un e na dereita outro (aínda que ambos empezaron presentándose como forzas transversais, dispostas a pescar en todos os caladoiros electorais), contribuíron, entre outros factores, ás repeticións de eleccións no 2015-2016 e no 2019, repeticións que significaron un desgaste extraordinario da política en España, xa bastante deteriorada por crises conxunturais e por corrupcións crónicas.

    Arrastradas polo desgaste, as forzas emerxentes do 2014 viven agora os seus peores momentos, unha delas, Ciudadanos, practicamente desaparecida, e a outra, Podemos, pendente dun relanzamento que non termina de arrancar mentres van perdendo votos implacabelmente. Nese contexto, ao que hai que sumar outro desgaste importante -o provocado por outras presas tamén obsesivas, as dos independentistas cataláns-, Vox recolle o vello malestar contra a democracia e as autonomías dos sectores máis rancios da sociedade española e súmalle algúns dos novos descontentos producidos polas crises económicas (unha polas especulacións financeiras e outra polas consecuencias da pandemia) que empobrecen ás clases medias e fomentan a precariedade e as desigualdades. E pode que tamén se alimente da decepción causada polas alternativas anteriores hoxe en decadencia: seguramente é casualidade (porque é imposíbel identificar aos votantes), pero nas recentes eleccións autonómicas de Castela e León, Vox aumentou exactamente, provincia por provincia, o mesmo número de escanos que perdeu Ciudadanos.

    Neste ambiente de desgaste xeral, tamén os dous grandes partidos están tocados, pero manteñen unha implantación básica que lles permite seguir a flote. Dalgunha maneira, o bipartidismo sobrevive, aínda que agora necesitan máis muletas que antes e a un prezo máis alto. Non estaría mal que tanto os dous grandes como os dous alternativos queimados, sen esquecer aos nacionalistas periféricos, se propuxesen facer unha verdadeira autocrítica polas arrogancias e as torpezas políticas (cada un no seu nivel de responsabilidades) que lles afastaron dunha boa parte dos electores, que hoxe se reparten entre a abstención e o apoio a unha forza política que, con independencia da súa ideoloxía carpetovetónica, practica niveis de enganos e manipulacións bastante máis altos que os partidos que lles decepcionaron.

    Xosé A. Gaciño

    18 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito