Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Todo polo Voto

    EN LUGAR PREEMINENTE DE TÓDOLOS CUARTEIS DE ESPAÑA PODE LERSE: “TODO POLA PATRIA”. Parece que o lema mandou gravarse no frontispicio por orde de Franco durante a Guerra Civil, aínda que a súa orixe sería dun século longo antes, ao comezo da Guerra da Independencia contra a invasión napoleónica. A súa permanencia, cuestionada por algúns que propoñen modificalo por “Todo pola democracia”, débese, cavilo eu, a razóns de carácter histórico ou simbólico que a un mandato imperativo do seu cumprimento literal polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Equipároo a “Fábrica de Tabacos” que acertadamente se respectou nos xulgados da Coruña e a outras moitas mostras do pasado que se conservan en edificios nobres de todo o mundo. Pola contra, o que debería figurar en lugar salientable das sedes dos partidos políticos é “TODO POLO VOTO”. En aras á transparencia que tanto se pregoa, sería a mellor maneira de mostrar a verdadeira intención de, se non todas, moitas das propostas que realizan e decisións que toman cando están no poder. Sobre todo cando nos atopamos, como agora, en vésperas de eleccións.

    É o que está a pasar nestes momentos coa polémica lei do só si é si. Non son as máis de 300 rebaixas de condenas e de 30 excarceracións de delincuentes sexuais o que inclinou á parte socialista do Goberno, e grupos que a apoiaron, a tratar de modificala de xeito urxente. O cambio débese ás enquisas sobre intención de voto. Alguén o dubida? Hai que recoñecer, neste caso, a coherencia de Podemos, que segue insistindo que é unha boa lei, o mesmo que dixeron todos os demais cando apertaron o botón do si no Congreso. Fixérono sendo coñecedores, ademais, do risco que se corría, e advertidos polos órganos consultivos do Estado. Veremos se Podemos mantén o pulso ou tamén sucumbe ao interese electoral.

    Como gran parte do dano xa está feito e non hai quen o remedie, pois calquera cambio non afectará os condenados nin a feitos producidos antes da entrada en vigor da lei (7 de outubro de 2022), conviría facer ben as cousas a partir de agora, sen que as présas, os egos, os cálculos electorais ou a “soberbia infantil” (Carmena dixit), volvan xogar unha mala pasada. As decisións importantes, e esta o é, deberan contar tamén coa colaboración da leal oposición. Esto último, a día de hoxe, dada a configuración parlamentaria, é unha utopía, pero dentro dun ano talvez non.

    A lei do só si é si foi aprobada para protexer ás mulleres, finalidade que non casa co sucedido nestes tres meses. Os beneficiados foron os agresores para escarnio das vítimas e do conxunto da sociedade. Pero coas manobras destes días, postas de manifesto onte mesmo no cara a cara entre Sánchez e Feijóo no Senado, as mulleres volven ser obxectivo secundario. As urnas son a prioridade.

    01 feb 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.