Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tolerancia cero

    TOLERANCIA cero. Expresión moi de moda. Segundo a Wikipedia, aquela política que impón sempre unha sanción predeterminada por cada infracción da norma, sen aplicar a discrecionalidade e sen se afacer ás circunstancias subxectivas da persoa infractora.

    Ocorre que nestes días pasados, aproveitando o tempo do Nadal, xuntámonos varias amigas que había tempo que non coincidiamos. Entre risas, afirmaban que vou vella e que teño o nivel de tolerancia moi baixo nesta fase da miña vida, que camiña cara a terceira idade. E quizais lles teña que dar a razón.

    Porque sempre me amolou en exceso o morro de toda esa xente que se cola cando vai mercar o pan.
    Ou que, de volta da praia, aproveita ese carril que sempre se estreita na dereita para ir adiantando postos e, chegado ao final, poñerse diante.

    Recoñezo que son das que, agardando nesa cola, chama a atención en voz alta sacando a cabeza pola fiestra do coche, para vergoña dos meus fillos (“Mamá!”). Mais ultimamente o meu nivel está a acadar límites insospeitados ata para min.

    Como cando aquela fría e chuviosa noite peguei no parabrisas dun coche que ocupaba dúas prazas de aparcamento un letreiro que dicía (vou obviar de que estaba feito o letreiro e o adxectivo que dirixín ao condutor): “Aprende a aparcar!”.

    Ou cando a pasada semana botei centos de improperios porque, agardando na marquesiña polo bus urbano mentres chovía que “botaba dios os cántaros”, pasou unha camioneta e quedei co pantalón e os pés empitados toda a mañá. Tanta auga espallaban os coches que tiven que saír da marquesiña e agardar o bus fóra, caíndo chuzos.

    Xa non aguanto a todas esas persoas que levan a tope, e sen cascos, a música dos vídeos de Instagram ou de TikTok. “Total, por el volumen de un teléfono. Pon tú también el tuyo”, chegáronme a dicir. E tampouco soporto a eses pais da cultura do diálogo e da explicación que deixan ao seu libre albedrío a fillas e fillos que non paran de berrar ás 8 da mañá.

    Se cadra, eses son os motivos polos que xa non resisto a política do insulto que se ten instalado nos últimos tempos, tanto no Congreso dos Deputados coma no Senado. Porque sei ben que non é preciso aldraxar para facer unha intervención ou para dar unha réplica á de calquera adversario. Unha cousa é o sarcasmo, ata se pode soportar o cinismo. Outra moi distinta, a mala educación.

    Pode que sexa certo que me estea a facer maior. Relendo estas liñas, vai ser certo que son da política de tolerancia cero. Talvez non son a única.

    10 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.