Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Top palabras

AOS rankings pásalle o que aos premios: ninguén cre neles pero se aparecemos ben posicionados no ranking de marras ou nos dan un premio, por moi municipal que sexa, inchámonos como galleta en leite. Semella haber razóns abondas que abonan a hipótese de que os premios son, en termos técnicos, unha carallada. Por exemplo, agardo conveña vostede con este crocodilo en que Miguel Delibes ou Jorge Luis Borges foron clarísimos, obvios, rotundos candidatos ao Nobel de Literatura e, xa ve, por razóns máis ben espurias, pasaron a mellor vida sen coroaren a testa cos tan merecidos loureiros escandinavos, o cal di ben pouco da obxectividade dos Nobel, cando menos no que atinxe á nobre arte das letras.

É, polo demais, probable que os rankings sexan, tamén en termos técnicos, outra trangallada. No mundo académico alguén dixo que os rankings son como os mapas: non substitúen o mundo real pero axudan a orientarse. Permitirame o prezado lector unha leve vaidade? En 2014, a editorial universitaria compostelá ocupaba no SPI (Scholarly Publishers Indicators, ranking español que mide o prestixio das editoriais académicas, públicas e privadas, percibido polo profesorado e corpo investigador) o posto 128, agatuñando 76 postos, ata o 52, catro anos despois, no ranking de 2018. Deixemos a cada quen tirar as conclusións que estime oportunas, pero, apelando ao valor orientativo referido, resulta posible imaxinar que neses catro anos se fixeron ben algunhas cousas ou se corrixiron outras que se facían mal, non?

Fique claro, polo tanto, que un premio ou un ranking son tanto menos caprichosos e máis obxectivos canto que sexamos os titulares do galardón ou os beneficiados no ranking...

Noutros casos, as estatísticas e os estudos sobre as preferencias e gustos refírense a suxeitos para quen o resultado do ranking é absolutamente indiferente. Imaxina vostede unha guerra a nivel global entre cans e gatos por resultaren estes as mascotas preferidas para os humanos nun hipotético zoo-ranking universal michos-chuchos? Porque, sen dúbida, no top dos animais de compañía, que dubida cabe de que cans e gatos xogan na división de honra, mentres o resto (e hai onde elixir) militan entre a segunda e a liga de modestos (admitindo, nesta última, ornitorrinco como animal de compañía).

Aos humanos, pola contra, encántannos os rankings, devecemos pola erótica das estatísticas, apaixónannos as sorpresas que se agochan tras as porcentaxes, coeficientes e analíticas de datos. Nunha recente prospección do CREA (Corpus de Referencia del Español Actual), auspiciado pola RAE e deseñado e construído baixo a sabia tutela do meu vello profesor e amigo, Guillermo Rojo, seleccionáronse as 200 palabras más usuais do español.

Sen meterme a disquisicións de filólogo, digamos que ás palabras lles pasa como ás mascotas. Os cans e os gatos das palabras son os substantivos e adxectivos e as demais (verbos, preposicións, conxuncións, adverbios e por aí) serven apenas para relacionalas, son unha cousa sosa e baldeira que non din nada sen o concurso dun nome. Azul, así, a secas, chamábase un libro de poesías do gran Darío. Pode haber algo máis evocador?

Polo demais, situados entre os postos 43 e 107, tome vostede boa nota dos dez primeiros substantivos do ranking: años, vida, tiempo, día, país, mundo, trabajo, forma, personas e momento. O tempo, a identidade, os outros, o sustento... Estou oíndo unha malagueña amiga miña: No te digo ná y te lo digo tó.

03 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito