Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Transformacións que non se poden evitar

    A análise mecanicista é unha das principais eivas nas valoracións e nas respostas que se dan diante de situacións estremas, mesmo cando se teñen en conta para o futuro o mellor, regular e peor escenario, mais óbvianse os efectos sociais e o comportamento das persoas. E este último aspecto é fundamental, máxime cando se trata acontecementos novos, moi graves e globais, que deixan en evidencia a fraxilidade da humanidade. É verdade que houbo outras pandemias, mais ningunha das recentes tivo esta dimensión, e outras anteriores que colocaron en perigo a humanidade sucederon en contextos onde non existían os avances científico-técnicos actuais, que se consideraban até onte como solución para todas as eventualidades, non sendo unha guerra atómica.

    Tampouco se pode obviar que esta crise sanitaria sumase á evidencia de termos superado o límite do equilibrio ecolóxico, da densidade demográfica, do amoreamento urbano, da desigualdade social, da precariedade laboral, da violencia en todas as súas formas... e ademais amosa que outro tanto sucede coa expansión territorial e produtiva e os recursos minerais,... Ou sexa, que os avances científico técnicos xa non resolven todas as eivas e contradicións propias da globalización neoliberal, do capitalismo. Daquela que pensar que unha vez superado o atranco do covid-19 mediante unha vacina, a economía, o papel que desempeñaba cada país, cada sector e os comportamentos sociais, volveran “á normalidade”, semella unha visión demasiado esquemática. Unha análise que obvia a relación da pandemia co sistema económico e social, a dura confrontación entre potencias, e sobre todo o que hoxe é unha evidencia: os límites e fraxilidade da humanidade.

    Todo indica que, aínda que a pandemia non rematou, e poden variar moito os efectos sobre cada continente e país, súa incidencia vai ser moito máis forte en Estados Unidos, o imperialismo hexemónico, que en potencias aliadas como a Unión Europea (e sobre todo Xapón), que respecto dunha potencia competidora emerxente como China. Asemade o grao de utilización por parte de Washington de todo tipo de medidas de coacción e presión, tanto contra as potencias emerxentes como respecto das aliadas, están levando o enfrontamento a un punto de non retorno. Unha actitude que sen dúbida tamén está condicionada en boa medida pola agudización da pandemia dentro dos Estados Unidos (un retroceso no 2º trimestre do 32,9% do PIB en termos anuais, máis de 150 mil mortos/as, e uns niveis de contaxio moi alto), e polas próximas eleccións.

    A cuestión é, se a Unión Europea se pregará definitivamente a estratexia de matón suicida de Trump, tanto porque pode isto levaría á división do mundo en dous bloques, como porque as iniciativas de Washington están a destruír todas as regras de xogo, tamén no ámbito económico e empresarial, construídas despois da Segunda Guerra Mundial, con enormes custes humanos. Vexase as presións sobre Huwawei, Tik-tok, Nord Stream2, as reservas de ouro e activos venezolanos no exterior, etc. Asemade, esta subordinación a Estados Unidos implicaría un camiño sen retorno e unha tendencia que non deixaría de crecer, tal como xa sucedeu nas últimas décadas.

    Polo tanto, esta pandemia terá consecuencias en todos os ámbitos. Iso non significa que os cambios sexan inmediatos, senón que a esta altura todo reflicte que se trata dunha conxuntura histórica entre dúas etapas da humanidade. O futuro non está escrito, polo tanto tanto podería abrir camiño a un mundo máis plural e xusto, como acentuar a prepotencia daqueles que teñen o poder do diñeiro e das armas. Dependerá da correlación de forzas entre as grandes potencias, do papel que termine xogando a UE no contexto internacional, da capacidade de resposta das nacións subordinadas, do grao de organización e mobilización das clases populares. O que non será é unha repetición do pasado, xa que están a pasar moitas cousas en todos os ámbitos que marcan a urxencia de cambios.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    05 ago 2020 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito