Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Trepas

    UN dos cualificativos máis usados estes días para referirse a dona Iolanda Díaz é o de “trepa”. Magóame que sexa usado, sobre todo, por persoas que se denominan de esquerda ou progresistas. Xa fixeron o mesmo, no seu día, cando don Xosé Blanco chegou a ministro, facéndolles o xogo aos de Madrid que o cualificaban despectivamente de Pepiño.

    Detrás destas descualificacións existe unha postura evidente de clase. Nin lin nin escoitei que contra unha persoa de dereitas usasen os mesmos adxectivos para minorizala. Moi ao contrario, sempre resaltan as súas calidades, comezando pola afouteza, (feita a si mesma) aínda que non a haxa, e só ascendan por amizade e por relacións familiares.

    No caso da futura vicepresidenta Iolanda Díaz, existe ademais, entre os seus críticos, un compoñente de xénero. Nunca usarían o mesmo xeito de medir cun home. Teríanlle outro respecto.

    E aínda incide un terceiro aspecto. Descualifícana porque é galega. Non o farían, ou usarían outros xeitos, se fose madrileña, e aínda andaluza, e xa non digamos catalá.

    Aquel ‘Pepiño’ despectivo, usado contra don Xosé Blanco, non o empregaron con ninguén.

    Iolanda Díaz, criouse nunha familia antifranquista e sindicalista, con acrecentada capacidade de loita e sufrimento, e comezou a militar moi cedo. Logo foi ocupando cargos nas direccións políticas, desde os comités locais, aos centrais, á executiva e como coordinadora, así como en postos institucionais, desde concelleira a deputada, ministra e, agora, vicepresidenta, sen abandonar a súa militancia no PCG.

    Non só está enormemente preparada, senón que coñece a política en todos os niveis.

    E, seguramente, foi ese coñecemento, o saber entender o que pasa, o que lle permitiu sempre tomar decisións que, polo que se ve, foron bastantes axeitadas.

    Para min, comparar as traxectorias ou a preparación política de Iolanda Díaz e Pablo Iglesias é facelo cun aprendiz que so ten teoría e cunha persoa que non só sabe xa o seu oficio senón que está mangansada.

    ...E tamén penso que non enganou a ninguén, senón que foron outros os que (se) enganaron.

    20 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito