Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Trinta anos de frustración climática

    Como hai seis anos, co cumio de París, e agora ante o cumio de Glasgow que se celebra estes días, toca volver degrañar o cúmulo de frustracións que leva aparellado calquera referencia á necesidade de loitar contra o cambio climático. Case trinta anos -desde o cumio de Rio de Janeiro no 1992- de advertencias de científicos e ecoloxistas fronte a gobernantes que practican a retórica e esquecen as decisións, de negociacións sen acordos ou con acordos moi limitados que se demoran ou directamente non se compren. Cousas do formato no que se moven as Nacións Unidas, que, a falta de capacidade executiva, non pode pasar de recomendacións ou de compromisos morais aínda que, de todos xeitos, sexa mellor iso que nada.

    Precisamente os últimos informes do Panel Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático e doutros grupos de traballo das Nacións Unidas sobre o medio ambiente, feitos públicos nos últimos meses, son demoledores: a produción de combustibles fósiles prevista en todo o mundo -mesmo con axudas públicas en moitos casos, en contra das recomendacións dos acordos de París- fará imposíbel limitar a 1,5 graos o aumento de quecemento con respecto aos niveis preindustriais, que era o obxectivo fixado neses acordos. Se non se reduce drasticamente o uso de carbón, petróleo e gas nesta década, o aumento podería chegar aos 2,7 graos, superando claramente a liña vermella dos dous graos.

    Pode que, a falta de resultados máis efectivos, esta sucesión de traballos, informes e cumios contribúa a incrementar a sensibilidade universal sobre as consecuencias que unha economía descontrolada ten no mantemento do noso hábitat, actualmente en fráxil equilibrio. Pero de pouco vai servir esa sensibilización, se a base da actividade económica, desde a produción industrial e agropecuaria até os sistemas de distribución e transporte, segue a ser o consumo maioritario de combustibles fósiles. Cambiar os hábitos individuais, para converter aos cidadáns en austeros consumidores de enerxías non moi renovábeis, de pouco serve se non cambian os hábitos das grandes empresas consumidoras, en primeiro lugar das produtoras de enerxía, que suman as maiores cotas de responsabilidade na dilapidación de recursos limitados.

    Os gobernos -xuntos e por separado- evitan as medidas radicais que serían necesarias para frear o proceso de quecemento global. Premen os moitos intereses que se moven en torno á produción e distribución das enerxías contaminantes, pero preme tamén a máis que previsíbel impopularidade de moitas desas medidas, que afectarían aos niveis de confort e consumo dos que gozan nos países máis desenvolvidos e dos que aspiran a gozar nos menos desenvolvidos. No seu lugar, de cumio en cumio vanse aprobando parches máis ou menos presentábeis, pero insuficientes, como van demostrando implacabelmente, ano tras ano, os informes dos científicos.

    Até agora, o cambio climático contemplábase como un problema a longo prazo, sobre o que se podería pasar nas puntas dos pés, endosándolles ás futuras xeracións o traballo de solucionalo. Pero o prazo vai sendo cada vez menos longo e van quedando menos xeracións futuras. Quen sabe se non estamos xa na penúltima antes do colapso.

    08 nov 2021 / 09:36
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito