Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Turismo precario dunha soa vez

    É xa un lugar común entre os dirixentes de política económica perguiceiros confiar unha rápida recuperación despois dunha crise e os problemas económicos que sempre emerxen ou se agudizan neses períodos, ao turismo. Semella un talismán. Na economía galega agoniada con problemas estruturais ben graves, buscan a saída dos graves problemas no turismo. O paro, a desindustrialización, a caída de actividade produtiva no agro e na gandaría, os problemas de inseguridade na pesca ou as feblezas tamén estruturais nos servizos vinculados ás actividades directamente produtivas (lembremos desde a caída de emprego en banca, seguros, transportes,...) nos se solucionan co turismo.

    Ese suposto talismán é a expresión dun desexo: confiar en que a solución veña desde fóra, a modo de peregrinos, viaxeiros, turistas ou simplesmente emigrantes retornados temporalmente, que consuman nos establecementos de hostalaría. E aí está non só un desexo infantil senón a comprobación da ausencia de planificación cara un futuro ancorado en bases máis sólidas que o fume dun día, porque o que se chama comunmente turismo debe ser observado tamén como grande foco de deseconomías a ter en conta.

    Os negocios de hostalaría nas súas diversas componentes deberían funcionar de acordo cuns criterios económicos baseados na procura da rendibilidade media polo menos dos restantes da sociedade onde se desenvolven. As diferenzas son en horario, por tratar individualizadamente unha relación persoal, por ser subministro de bens especialmente sensíbeis como son os de comer e beber, en fin por se referir en grande medida a actividades vinculadas ao ocio. As marxes de negocio están na maior parte dos casos calculados para actividades de temporada, de época ou de ciclo en bonanza polo que as modificacións do encarecemento da enerxía eléctrica ou os combustíbeis pasando polo prezo dos alimentos industriais, os alugueres... até a modificación das condicións de contratación da mao de obra, mudan tamén o cálculo final de rendibilidade.

    E aí chegamos á parte máis problemática do asunto. Pequenos negocios, medianas empresas ou grandes empresas mesmo públicas (por exemplo Paradores) aforran en, apretan en condicións, ou esmagan, se queremos dicelo así, á forza laboral empregada. A reforma laboral nen se plantexou, nen polo tanto tratou, de diagnosticar e logo aportar solucións aos problemas de temporalidade, precariedade, horarios imposíbeis e baixos salarios nos sectores de actividade económica que viven directamente do turismo.

    A proba de que existe unha reprodución á baixa das condicións de calidade dos servizos turísticos, vén dada por unha constatación simples do crecemento do turismo de ínfima calidade e atención: a proliferación de alugueres ocasionais chamados casas/pisos d aluguer vacacional non resiste a un mínimo de inspección polas autoridades ao caso. Un hotel ou un estabelecemento público dos suxeitos a rexistro consta de todas as características que o usuario precisa. No outro caso non, e hai de todo. Tamén o emprego preciso para atender eses alugueres é absolutamente descoñecido (inexistente?).

    E nos restaurantes, casas de comida, bares, casetas de praia, con horarios imposíbeis e con salarios que só na excepción dos casos son o equivalente a un salario mínimo danse idénticas situacións: precariedade, nula cualificación, má atención e confiar en que o verán que ven (ou o Ano Santo próximo) piquen outros que veñan ao barato.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.