Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un conto de Odessa

    CADA día aumenta a produción mediática de frases ominosas, pero a que segue sendo máis lúgubre é “acoso escolar”. A súa sinistra capilaridade semántica recorre todos os recunchos da alma xerando unha enerxía comunitaria que non sei como tarda tanto en poñer un país patas a riba. Moita covardía fai falta para fabricar un só caso de acoso escolar. Esta triste expresión ten tal poder de evocación que vai máis alá da memoria escolar de cada quen, podendo ir dar tamén ás nosas lecturas iniciáticas.

    Non sei se é porque está de moda Ucraína (disimúleseme a frivolidade), pero a min vénme á cabeza un conto de Odessa (estas cousas pasan) que lin no remoto bacharelato da man do meu profesor de literatura (O Rimas, inesquecible), que nos recomendaba moito ir lendo os escritores rusos (daquela os ucraínos ían no mesmo feixe): “Os autores rusos son os que mellor nos ensinan como son os homes e as mulleres”, dicía o profe. E por iso neste momento, cando ninguén sabe o que acabará facendo Putin (nin sequera a CIA, que non sabe ler a Dostoievski), eu ben cho sei. (Pero de momento non o vou dicir para non atribular aínda máis a Josep Borrell).

    Na miña cesta de lecturas adolescentes aniñou un coñecido conto de Isaak Babel, aquel que se nos abre dicindo “O gran desexo da miña nenez foi ter un pombal”. Se eu escribise o relato cambiaría o pombal por un acuario, porque Babel foi neno de paxaros pero eu era neno de peixes, que viña en liña de meu avó mariñeiro e miña nai mariscadora. Na vida somos o que veu mallando nas redes dos nosos vellos.

    Polo demais, transito polas páxinas da historia daquel curso escolar no que Isaak Babel aprobou o seu ingreso no bacharelato coma se fose o meu (eu aprobeino cincuenta e tres anos despois). No tribunal do colexio de Isaak en Nikolaev estaba o subdirector Piatnitski, que sabía de memoria toda a historia de Rusia, e fíxolle ao neno unha pregunta difícil sobre Pedro I; no tribunal do meu colexio de Vigo estaba o profesor don Augusto, que sabía de memoria toda a historia de España, e fíxome unha pregunta difícil sobre Felipe II. Pero aprobamos os dous. E se cadra por iso Babel acordouse sempre do subdirector Piatnitski e eu nunca me esquecín de don Augusto, que non só sabía todo sobre Felipe II, senón que tiña “moita man” en materia de acoso escolar.

    Agora nas escolas e institutos disque para atallar o acoso escolar hai que xuntar un psicólogo e mais un psicopedagogo, un orientador e mais un dinamizador da convivencia, un observador de interacción lúdica e mais un coordinador de benestar. Canta soidade a da nena acosada no medio de tantos expertos. O día que volva don Augusto, co seu “manual” de respecto e disciplina, ha de os correr a todos a fungueirazos.

    21 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito