Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un dos nosos

    Cando un chega a certa idade -provecta, que diría o marqués de Santillana-, comeza a observar as notas necrolóxicas con certa prevención. Sentimos un certo alivio fronte ao pasamento de persoas máis novas ca nós, nin que sexa por esa idea de que un, polo menos, chegou onde chegou, superando esas mortes precoces. Porén, un sente desacougo cando o falecido é coetáneo noso e pensamos que aínda temos por diante un tempo por vivir.

    Sucedeume isto cando lin na prensa o pasamento de Ray Liotta mentres rodaba unha película na República Dominicana. Este actor nacido en Nova Jersey saltou á fama (cabería dicir á inmortalidade cinematográfica) grazas ao seu papel na película de Martin Scorsese GoodFellas (entre nós e en castelán, “Uno de los nuestros”), estreada en 1990. Nesta historia sobre tres mafiosos de segunda fila, acompañábano Robert de Niro, Joe Pesci (que gañou o Oscar a mellor actor secundario), Paul Sorvino e Lorraine Bracco (a psiquiatra que atendía a Tony Soprano).

    Liotta representaba un mozo de ascendencia irlandesa, abraiado desde neno polos mafiosos da familia Lucchese. A película dá luz ás non sempre fáciles relacións entre gángsters ou mafiosos de ascendencia italiana cos de orixes irlandesas, viciadas desde os anos da lei seca e os intentos de Al Capone para gañarlle a hexemonía en Chicago a Dean O’Bannion, que rematou coa coñecida matanza do día de San Valentín de 1929.

    En GoodFellas, Tommy DeVito (Joe Pesci) vai ser admitido coma membro dunha familia mafiosa, o que constitúe un éxito para aqueles mozos que anos atrás comezaran unha carreira criminal. Pero por unha asunto pendente, é eliminado en troques de ser consagrado.

    Ray Liotta representou nesta película, coma ninguén, a teima por chegar a ser alguén no mundo do crime. Engadíase á colección de rostros que ao longo da historia do cine (no século XX) representaron o fenómeno da mafia norteamericana, fose de orixes italianas, irlandesas ou xudías. Non tanto do cine de temática criminal (gángsters), representada xa nos anos trinta por James Cagney (Public enemy, The Roaring Twenties) senón de organizacións familiares criminais.

    Foi pioneira a serie Los intocables, producida entre 1959 e 1963 e con Robert Stack no papel de Eliot Ness pero sen salientar o papel do seu antagonista, Al Capone. Pero non foi ata a década dos setenta cando Hollywood abordou de forma aberta -e non exenta de prexuízos- o mundo da mafia, xa que logo as chamadas Cinco Familias de Nova York. E foi daquela, con The Godfather, de Francis Ford Coppola, da que agora celebramos os seus cincuenta anos, cando os mafiosos comezaron a ter rostro: Marlon Brando, Al Pacino.

    Película que tivo continuidade con dúas entregas (con Robert de Niro e Al Pacino, ambos dous conservaban o italiano familiar) e con obras como O honor dos Prizzi (John Huston, 1985) con Jack Nicholson como Charley Partana; Os intocables de Eliot Ness (Brian de Palma, 1987), con Robert de Niro no papel de Al Capone; ou aínda Donnie Brasco (1997), con Al Pacino (“Lefty” Ruggiero) e Johnny Depp (como o axente do FBI Pistone, infiltrado na familia mafiosa).

    Sobre a mafia irlandesa -frecuentemente agochada por Hollywood- cabería salientar Camiño á perdición (Sam Mendes, 2002), con Paul Newman e Tom Hanks, ou Infiltrados (Martin Scorsese, 2006), con Jack Nicholson (como Frank Costello), Matt Damon e Leonardo diCaprio. Ou Black Mass (2015), con Johnny Depp no papel de James Bulger, un auténtico mafioso irlandés de Boston que colabora co FBI na súa rivalidade cos italianos.

    Sendo como foi moi importante a presenza xudía en Hollywood, as películas sobre as tramas criminais hebreas son inexistentes. A vinganza chegou con Érase unha vez en América (Sergio Leone, 1984), con Robert de Niro, como David Aaronson “Noodles”, e Joe Pesci, no papel do gángster Frankie Minaldi. Sobre a Zwi Migdal, a rede mafiosa xudía de tráfico de mulleres, especialmente na Arxentina e Nova York, só hai un documental, Malka. Unha rapaza da Zwi Migdal (2014) e a serie de televisión Arxentina, terra de amor e vinganza (2019).

    Contra o fenómeno e a admiración que o crime acorda temos Unha historia do Bronx (Robert de Niro, 1993), con Chazz Palmintieri como o mafioso Sonny, que o enfronta aos traballadores honrados do barrio, entre eles o condutor de autobús interpretado polo propio De Niro.

    Joaquim Ventura

    30 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito