Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
a marcos de quinto, deputado de ciudadanos

e paiasadas noxentas

Pide Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que aproveitemos este Día das Letras atípico para desconfinar o noso idioma matrio. Ben está que o tamén voceiro de Queremos Galego aproveite a irrupción desta nova e asfixiante xerga coronavírica para retratar as calamidades dunha cultura en risco de desaparecer no ventre da balea globalizadora. Pero onde quero eu poñer o foco é nesa carta aberta que lle escribe vostede ao profesor Carvalho Calero, protagonista por fin da liturxia do 17-M. Non agardaba outra cousa, dona Pilar, que esa súa asunción da responsabilidade de exercer os dereitos de uso e defensa dunha lingua que precisa inxeccións urxentes de xustiza, igualdade e cohesión. E sei ben –a súa traxectoria de defensa coherente de Galicia está aí, non mente– que é digna de quen nos precedeu, señora García Negro, que non adora lápidas nin becerros de ouro nin estatuas con pés de barro, e que vostede ama o galego con obras, non con palabras bonitas que varre o vento.

Concordo, dona Pilar, coa súa visión tinxida de pesimismo –que outra cousa é un pesimista senón un realista ben informado?– sobre o perigo de exclusión que ameaza ao galego, que nunca poderá aspirar a ser normal mentres se lle neguen os atributos que distinguen unha lingua con saúde doutra camiño da UCI, se non é que xa está nela. Dígolle que fronte ao desprezo e á exclusión que practican non poucos sectores da nosa sociedade, tócanos aos que cremos que en galego tamén estamos no mundo traballar dende o respecto e convencer dende a razón.

Fai súas as palabras de don Ricardo e fago eu miñas as súas, señora García Negro: os obxectivos teñen que ser recuperar á mocidade, facer que o galego teña efecto multiplicador na sociedade, e que sexa unha ferramenta útil para atender todas as necesidades do mundo de hoxe. Neste 17-M temos que dar un paso máis para sacalo dunha corentena que xa dura demasiado. A alianza co noso idioma matrio é do pobo, de cada un de nós, pero tamén dunhas institucións/balnearios desconectadas da sociedade, e duns gobernantes aos que, con honrosas excepcións, se lles nota pouco entu- siasmo para cubriren o expediente... cando o cubren.

Por iso, o seu compromiso, a súa honestidade, o seu amor teñen aínda máis mérito, dona Pi-lar, e son inspiradores para quen cremos que, malia que durma nugallán, hai futuro nesta terra nosa verde e neboenta, labrega e mariñeira, alento e desalento. O meu país! Siga con saúde.

A MARCOS DE QUINTO, DEPUTADO DE CIUDADANOS

Paiasos a moita honra e paiasadas noxentas

Non só o abandonou o desodorante –o seu tuit carniceiro contra Pablo Iglesias cheira que fede, don Mar-cos–, senón que perdeu a chispa da vida entre o balbordo da cayeborroka do barrio de Salamanca. Queda retratado como activista da politiquería da crispación, unha deriva imperdoable nalguén que entre 2015 e 2017 foi virrei de The Coca Cola Company. Resulta difícil de crer que un hater da política –danos vostede probas dese odio irracional un día si e outro tamén– chegase á cúpula dunha multinacional que no 1906 vendía o seu refresco como “a gran bebida da moderación”, e que no 1948 garantía que “onde hai Co-ca Cola, hai hospitalidade”.

Porque se de algo non pode presumir, señor De Quinto, é de ter templanza e sentidiño e de ser hospitalario cos adversarios políticos. Só hai que ler o que colgou na madrugada do domingo ao luns na súa conta de Twitter, un incendiario artefacto guerracivilista: “España está ante una de las crisis más graves de su historia y no podemos permitirnos estar a expensas de este payaso de vicepresidente que tenemos (...) O se hace un pacto entre partidos serios, o esto se va a pique”. Despois chegou un estrondoso silencio. Menos mal!

O anecdótico é que lle puxo a resposta en bandexa ao señor Iglesias: “Hay pocas profesiones más hermosas y dignas que la de payaso. Si defender el ingreso mínimo vital y la justicia social en Europa me da el honor de serlo, solo puedo decir: payaso a mucha honra, señor De Quinto”. O relevante é que instalarse nas trincheiras do insulto e da crispación non ten nada que ver con facer política ao servizo dos españois.

Di o seu currículo que é vostede especialista en márquetin. Debería revisar o historial das campañas publicitarias da Coca Cola: descubrirá, don Marcos, que a vida ten sabor e que hai que tomar o bo. Atentamente.

SIC TRANSIT GLORIA MUNDI

Jean-Michel Blanquer, ministro francés de Edu-cación, en El País: “A decisión de reabrir a escola correspóndelle á autoridade política, non aos científicos (...) O meu único medo é o medo ao medo”.

Sorprenden para ben os argumentos de monsieur Blanquer nestes tempos nos que botamos tanto en falta gobernantes con coraxe e ideas claras sobre cómo protexer ao sector educativo, piar e xoia do Estado de Benes-tar, dos zarpazos do coronavirus. Francia reiniciou o curso, esta semana que hoxe conclúe, con prudencia e co obxectivo de protexer un dereito inalienable dos nenos, precisamente.

O máis cómodo para Blanquer sería aprazar a setembro a volta ás aulas, ver os touros dende a barreira, non meterse en leas e agardar a que saia o sol por Antequera, “pero –di el– non sería digno”. Teñen sorte os franceses, si, cun ministro cuxo norte é “buscar o interese xeral e máis nada”.

É un sopro de aire fresco escoitar que “a escola primaria é absolutamente fundamental se queremos limitar a desconexión escolar e elevar o nivel do país; porque cando un neno desconecta en primaria resulta moi difícil recuperalo”.

O propio Consello Científico prefería que o regreso se pospuxese a setembro, pero admite que, ademais do dano sanitario polo covid-19, hai otros estropicios importantes para a sociedade. Manter as escolas pechadas polo medo ao medo –ou por desidia– é un deles, ai!, e non pequeno.

16 may 2020 / 23:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito