Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un molete... con moño o sin moño?

    ONTE fun mercar un molete e a dependenta contestoume: “¿Cómo lo quiere... con moño o sin moño?”. A raíz desta pregunta que, de entrada me sorprendeu porque na miña zona o molete é unha peza de pan redonda, un bolo, que leva enriba un peruco, perucho ou cornecho, volvín reler un libriño titulado A cultura tradicional do pan, asinado por Xosé Lois Ripalda que, por suposto, vos recomendo.

    O pan para os pobos mediterráneos simboliza, desde a Antigüidade, todo aquilo que alimenta o corpo e o espírito do ser humano. Ao redor del existe toda unha simboloxía para xudeus e cristiáns; filósofos como Séneca consideraban o pan o único alimento necesario, sen o cal non é posible a vida; o feito de compartir o pan e o sal simbolizaba un lazo fraternal indestrutible e grandes poetas antigos como o romano Juvenal chegaron a dicir que para contentar o pobo só facían falta dúas cousas: pan e circo.

    Os exipcios foron das primeiras civilizacións en elaboralo empregando fermentos e fornos; os fenicios eran sonados panadeiros; gregos e romanos apreciaban enormemente este oficio como o demostra o feito de que no ano 30 a. C se contabilizasen ata 300 fornos en Roma. Amasaban pezas con sal e sen sal, con pasas, con sementes de adormideira, de sésamo, con especias e herbas aromáticas, con viño na masa, con mel e queixo...; empregaban diferentes técnicas de cocción: ao forno, en cinsas, en moldes... e formas variadas (redondos, cadrados, trenzados, alongados, en coroa, en espiral...).

    Na época medieval pódese ilustrar a súa importancia coa cidade de Compostela pois o gremio dos panadeiros, entre os que se encontraba a panadeira de Santo Domingo de Bonaval María Franca, viron regulados prezos e peso das pezas. Xa na actualidade, aínda que o seu consumo baixou por mor de novos hábitos alimenticios, continúa presente en tradicións como a de tomar o pan bendito de San Brais, para non enfermar da gorxa; en costumes como o de evitar tirar o pan ao lixo e, como non, na lingua con numerosas frases feitas, refráns, cantigas e adiviñas.

    E precisamente, aquí vos deixo unha que, de seguro, ides acertar: “Un reboliño, nun rebolón; un
    mete e saca; un quita e pon; ensí-namo, meu queridiño, que cho
    quero ver. Dios cho bendiga, e vólveo a meter. Que é?”.

    O panadeiro amasa unha peza de pan redonda pequena que coloca enriba doutra máis grande; coa pa mete e saca o pan do forno, bendíceo –como era costume, rezando este ensalmo: “Que Deus te aumente con san Vicente”– e volve metelo. Acertaches, non si? O molete!

    30 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.