Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un pouco de ciencia

    UNHA campaña solicita que o 2% do PIB español se dedique á investigación científica. E recollen asinaturas dos cidadáns para pedir que o goberno trate de achegarnos ao 2,14% que, segundo os datos de Eurostat, é a media europea para este tipo de investimento. Naturalmente, ninguén vai argumentar contra a bondade de aumento de recursos en ciencia e investigación. Ninguén vai queixarse de que os investigadores e científicos españois dispoñan de mais e mellores recursos. Eu tampouco, desde logo . Teño lido e escoitado moi tristes historias de farmacéuticos, biólogos e químicos que marcharon nos últimos anos a Alemaña, Estados Unidos, Suecia, Inglaterra... para desenvolver a sua profesión. A ciencia é imprescindible para ser unha sociedade razonablemente moderna e para lograr a mellora da vida de todos. Spoiler: nas liñas seguintes vou dedicarme a facer amigos.

    Quizais unha campaña para un fin tan digno podería ir acompañada dunha reflexión modesta. A ciencia, como sabemos, non produce verdades eternas, senon preguntas ás que contestamos cun método e uns resultados que están sempre dispoñibles para poder ser refutados (ou non) por novas investigacións. E temos que aceptar como normal que os científicos manifesten a súa ignorancia sobre certos fenómenos ou que modifiquen as súas explicacións cando novas evidencias obrigan a facelo. Temos que aceptalo como normal sempre que vexamos que están seguindo o camiño riguroso trazado pola filosofía e a metodoloxía da ciencia, claro.

    Pero, empurrados polo desexo de saír máis veces na tele que os colegas da universidade veciña, asistimos desde o inicio da pandemia a un espectáculo que seguramente está emparentado co tarot, pero non coa ciencia. Xa lles escoitamos dicir a algúns dos que se reclaman doutores que España “va a tener como mucho algún caso diagnosticado”, que no habia “transmisión ni riesgo”, que “el contagio va a ser bajo o muy bajo”, que no es necesario cerrar los colexios, que que as mascaras son contraproducentes...

    Alguén debería lembrar nestes días que facer ciencia é un oficio prudente , racionalísimo e moi escèptico. En realidade, xa o dixo alguén como don Valentín Fuster, nunha entrevista esta fin de semana: “Los científicos no hemos sido humildes... Ahora el covid nos ha puesto en nuestro sitio”.

    A xestión e a comunicación por parte de presuntos especialistas da pandemia está a facer un enorme dano ao coñecemento científico. Traslada a moita xente a idea de que as conclusións dos investigadores son produto daquela ruleta que tiñan os barquilleiros dos parques da miña infancia. Por iso comparto a necesidade de conseguir o 2% do PIB para a investigación. E talvez a primeira tarefa sexa distribuir entre os aspirantes a científicos o manual mais elemental sobre metodoloxía da ciencia, cun prólogo no que se poida ler: “vamos pensar todo dúas veces, ainda que nos quede menos tempo para dar rodas de prensa”.

    24 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.