Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un rural vivo

    NON, non teimen, non é cousa de que me asalten malos pensamentos, que xa practiquei a botalos fora nos anos que estiven no Seminario. A culpa tena a memoria que aparece unha e outra vez para lembrarnos o pasado.

    Así, mentres analizo a proposición de lei do PP, (non proxecto de lei da Xunta) sobre a recuperación de terras agrarias, véñenme á mente aqueles panfletos que este partido repartiu en plena campaña electoral nos que afirman que co Banco de Terras o que pretenden os nacionalistas é “quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas”.

    Agora, o texto presentado polo PP no Parlamento non só referenda aquela lei “comunista” promovida polo conselleiro Suárez Canal, senón que aínda a amplía, considerando ao Banco de Terras como “figura fundamental para o desenvolvemento de novos instrumentos de recuperación da terra agraria”.

    E o primeiro que se pregunta un é porque tardaron doce anos en verlle utilidade a esta lei. Porque non incluíron os seus obxectivos de rescatar as terras abandonadas nas leis elaboradas nos anos 2011 e 2015? Porque agardaron tanto?

    Nestes anos perdéronse case 100.000 hectáreas de terras agrícolas, situando a Galiza no escairo máis baixo de Europa, co só o 20% da terra produtiva, fronte ao 50% da media na UE. Temos 900.000 hectáreas abandonadas e só traballamos 700.000!.

    E el será porque os galegos somos uns vagos e non nos gusta traballar? Ou será causa das políticas, entre elas a agraria?

    E como os pensamentos van e veñen e non paran, hai un que non dou sacado do maxín: a quen lle quererá dar o PP agora esas terras agrarias? Tratan de ampliar a base territorial das explotacións ou o que pretenden é facilitar as terras abandonadas para proxectos especulativos relacionados coa eucaliptización do país?

    E terán algo que ver con esa lei eses 950 millóns de euros que a Xunta demanda dos fondos europeos para fomentar os cultivos forestais?

    Querer ou non querer un rural vivo... Esa é a cuestión.

    13 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito