Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un século de Trianon

    Moitos fenómenos políticos non se poden entender sen os antecedentes históricos e sen consultar mapas. Unha das regras para un xornalismo e para unha historiografía de calidade limítase a tres palabras: mapas, mapas e mapas. E cando hoxe o goberno nacionalista de Viktor Orbán está a situar os valores tradicionais por riba da democracia e dos dereitos que esta consagra, cómpre non esquecer os antecedentes nin os mapas.

    E se imos aos antecedentes, o primeiro a ter en conta é a formación da confederación imperial entre Austria e Hungría en 1867, que se veu chamar Imperio Austro-Húngaro, denominación que representa, coma ningunha outra, a artificialidade dunha monarquía de identidade católica que apenas era útil a unha minoría aristocrática. Unha fórmula que para Luís García Berlanga resultaba case totémica, ata o punto de facela aparecer en todas as súas películas.

    Despois da presión do imperio otomán na Europa central –cuxo cumio foron os sitios de Viena de 1523 e 1683-, o reino de Hungría pasou á órbita dos Habsburgo mentres que unha parte considerable das terras habitadas por húngaros quedaban en mans turcas, especialmente a Transilvania. Diversos foron os intentos para acadar a independencia de Hungría, sendo especialmente significativo o de 1848, ao amparo das revolucións que recorreron Europa.

    Sufocado o levantamento polos exércitos imperiais austríaco e ruso, Austria veu frustrada a súa aspiración de exercer a hexemonía na Europa central tras ser derrotada por Prusia en 1866. Como consecuencia, Viena estableceu uns acordos cos territorios baixo a súa influencia (Hungría, Bohemia, Moravia). Nominalmente pasaban a estar –como confederación- en igualdade con Austria e con aqueloutros do norte de Italia gañados despois da derrota de Napoléon, se ben a potencia industrial estaba en territorio austríaco.

    O fin dos imperios despois da Guerra de 1914-1918 levou á independencia dos territorios nacionais que os formaban. Continuou provisionalmente o Reino de Hungría, axiña ameazado por unha revolución socialista, liderada por Béla Kun, que apenas durou cinco meses. Unha semana despois do armisticio de Padua, establecido entre os aliados e o imperio Habsburgo, os húngaros asinaron o armisticio de Belgrado, polo que aspiraban a manter a integridade nacional da Hungría histórica, incluídos territorios como parte de Moravia e Transilvania.

    Pero en tanto que formara parte dunha potencia perdedora, Hungría pasou a estar sometida ao diktat dos aliados, que unha vez establecidas as regras dos imperios derrotados, impuxeron reordenar as fronteiras territoriais dos estados resultantes. En 1920, no palacio de Trianon (Versalles) Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Italia e Xapón resolveron que o Reino de Hungría tiña que ceder dous terzos dos seus territorios históricos, de maneira que fosen viables os novos estados de Checoslovaquia e Iugoslavia e reforzando Romanía, a mesma Austria e Italia (que disputou cos iugoslavos a cidade de Rijeka ou Fiume): tres millóns de húngaros outros sete de diversas nacionalidades quedaron fóra.

    O novo estado húngaro, coa figura de Miklós Horthy como rexente tras o fracaso de Béla Kun, tivo que afrontar diversas dificultades económicas, especialmente polas perdas en minería, ao que se sumaron as indemnizacións de guerra. Tal circunstancia levou a un resentimento nacional que desembocou nun réxime autoritario que na segunda guerra mundial foi dominado polos fascistas cruzfrechados.

    Ocupada Hungría polas tropas soviéticas entre 1944 e 1945, os comunistas impuxeron a súa hexemonía e en 1949 proclamaron unha república socialista. Sete anos despois, as tropas do Pacto de Varsovia ocuparon o país para sufocar unha revolución nacional liderada polo primeiro ministro Imre Nágy. En 1980 János Kádar promoveu a disolución do pacto militar coa URSS e reformas económicas que levaron á desaparición do réxime socialista. En 1989 o antigo partido comunista daba paso ao novo Partido Socialista, plenamente democrático, que gobernou ata 2010, cando se impuxo a dereita conservadora do Fidesz, liderada por Orbán. En 2006, as mocidades deste partido manifestáronse con bandeiras da Gran Hungría: o nacionalismo irredentista estaba de novo en marcha.

    12 jul 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito