Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un volve sempre aos vellos sitios onde amou a vida

Non fago máis últimamente que ver por todas partes publicacións de listaxes de lugares fantásticos que visitar, e todos son en Galicia mira por onde. É entrar en internet e verme asoballada de recomendacións dos enclaves máis fermosos da nosa terra, de recunchos de auténtica beleza, de paraísos nos que paga a pena pasar o tempo e incluso perderse durante gran parte del. Hai tanto que coñecer do noso territorio e adicámonos tanto a percorrer outros que parece que tivo que vir unha situación anómala para que realmente nos percatemos do que temos máis preto.

Pero, todo isto non estaba xa aquí? Esta febre por descubrir o noso vaille amargar a existencia un pouco aos que aínda se agochaban en paisaxes pouco concocorridas, pero todo sexa por poñer en valor por fin a nosa riqueza natural máis alá das modas de fotografarse no banco máis bonito do mundo, substituído nos últimos meses por columpios, aínda que aquí parece que vai triunfando o portugués de Vila Nova de Cerveira. Falando de paraísos, sempre di miña nai que de pequena a praia de Santiago estaba en Vilagarcía, por iso de coller o tren que te deixara a un paso da area, pero os composteláns tamén somos moito da Ría de Muros e Noia e de Monte Louro para arriba, unha fermosa costa máis alá do verán que se vive nos puntos das Rías Baixas con máis sona.

MONTE LOURO. Cantaba Chavela Vargas en “Las Simples Cosas” (a min gústame a súa versión) aquelo de que uno vuelve siempre a los viejos sitios donde amó la vida, claro que a contradicía Sabina en “Peces de Ciudad” co seu al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver. Eu quédome máis ben coa primeira opción, con esa sensación que tes cando regresas aos teus recordos máis bonitos. Algo así me pasa co Monte Louro e toda a súa contorna. De pequena debuxabao continuamente abraiada por esa forma tan perfecta, por esa maneira de encaixar, de saber estar, abrigando a praia de San Francisco, sobresaíndo na Ría de Muros e Noia, e deixando toda unha marabilla cara o outro lado, a Lagoa de Louro e a praia de Area Maior.

Que intensa emoción pararme unha tarde de verán, deste verán raro do 2020, nunha rocha máis alá das nove, cando todo o mundo se recolle (á mellor hora), e escoitar un canto a Monte Louro. Así descubrín a Agustín Rey, facendo soar esa música de gaita que se che mete polos ósos, tocando polo areal mirando cara o solpor. Encantoume a estampa, como se volvera 30 anos atrás. Bendita experiencia para este veciño de Santiago, pasar de tocar cada día do confinamento dende a ventá para poder facelo agora na liberdade dun cadro máxico.

ARDENTÍA EN CARNOTA. Para maxia a que puideron vivir un pouco máis alá do Monte Louro os privilexiados que presenciaron hai uns días un fenómeno apaixoante na praia de Carnota. Trátase do Mar de Ardora, un efecto de luminescencia producido por unhas algas. Este incríble espectáculo non se pode apreciar moi a miúdo, pero Andrés García (@drewkorme) e Damián Varela, dous veciños de Corme, xa teñen presenciado esta luz azul do fondo mariño en Fisterra, Muxía e nos Castros de Baroña. Non por iso deixaron de quedar marabillados ante a fosforescencia que cubría a auga de Carnota, porque desta vez tampouco faltaron á cita. Adoitan saír nas noites de verán para facer fotografía nocturna e non sempre poden contar cuns focos de tal natureza. “Nada é comparable co vivimos dende o luns 10 ao 14 de agosto en Carnota, unha das experiencias máis máxicas que recordo”, asegura Andrés, que deixou retratado ao seu compañeiro metido na auga en plena ardentía, para ledicia de todos os asistentes, que tamén se animaron a adentrarse no mar.

Que cousas ten Galicia! Imos por aí e sempre volvemos a ela.

23 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito