Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 07 julio 2022
02:03
h

Unha cidade máis próspera

    AS pulsacións das cidades mídense no seu nivel de actividade. A ausencia de movemento é o mellor indicador de problemas. As cidades que non xeran actividade económica, tampouco xeran emprego e riqueza. Nin oportunidades, nin reteñen aos mozos e mozas, nin atraen novos cidadáns. As cidades que perden a inercia tenden a caer na irrelevancia. E ao contrario. Todos os indicadores demostran que A Coruña móvese, que está cada vez máis viva e que hoxe é, de novo, un polo de referencia no norte de España en moi distintos ámbitos.

    Un deses indicadores é o da construción de nova vivenda. No ano 2019 na Coruña había 125.860 vivendas, un número que apenas variaba de xeito significativo desde a crise do 2008. Hoxe hai na cidade 1.180 vivendas máis que no 2019, unha cifra que seguirá a crecer coas licenzas concedidas e que tamén sumará vivendas de promoción pública cando o Concello poña en marcha as que ten previstas tanto en Xuxán como na contorna de San Agustín. O feito de que un sector se mova é de interese non só pola capacidade de creación de emprego de dito sector, senón porque evidencia a existencia dunha crecente demanda por parte dos cidadáns. Ese incremento da demanda pon de relevo tamén un cambio a mellor na situación económica.

    É evidente que non caben euforias nese ámbito e que os datos teñen que ser analizados con prudencia, mais non é só a vivenda o que permite tomarlle o pulso á cidade. A organización de grandes eventos e a crecente chegada de visitantes están a demostrar tamén que A Coruña ten un crecente peso no panorama nacional. O Goberno de Inés Rey fixo desde o primeiro momento un importante esforzo por contribuír a dita dinamización.

    Desde a maior axilidade nos trámites urbanísticos ata a recuperación de liñas aéreas e a organización de citas culturais de primeiro nivel. Desde o coidado do noso patrimonio con actuacións como a de Méndez Núñez ata a mellora do espazo urbano con intervencións que invitan a gozar das rúas. Os gobernos teñen que ter a sensibilidade suficiente para entender os lugares nos que exercen, para detectar as potencialidades e para facer que agromen. Non se trata de ser triunfalista.

    Sen dúbida queda moito por facer, mais non é discutible que a cidade camiña na liña correcta, que hoxe A Coruña está nun proceso expansivo e que aspira a consolidar o seu papel como motor económico e cultural de Galicia. Contamos este ano co maior orzamento da nosa historia, e a vontade é investilo para impulsar esa expansión, para chegar máis lonxe. Este será un ano de cambios, de cambios para mellor, dos que incidirán en que A Coruña sexa un lugar aínda máis atractivo e os seus cidadáns estean máis orgullosos de habitar nela. Unha cidade máis próspera, que é do que se trata.

    24 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.