Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha homenaxe debuxada aos rostros da pandemia

Ogallá non teñamos que volver atrás. Ogallá o confinamento se quede nun recordo, nunha historia que cada cal viviu como puido segundo as súas circunstancias. Ogallá. Houbo quen o levou en silencio, pero tamén quen precisou expresarse dalgunha maneira, contando o seu día a día a modo de diario dun encerro, publicando vídeos facendo calquera actividade con máis ou menos relevancia, relacionándose dende as ventás, con música nos balcóns, escribindo impresións, ou mesmo informando no caso dos xornalistas. Pero quero poñer os meus ollos noutra maneira de contar a experiencia. Trátase dunha homenaxe debuxada, como a definen os seus autores, a todos aqueles que se viron e se ven máis preto da enfermidade, aos maiores e ao persoal que se ocupa deles nos centros aos que os familiares non puideron ir visitalos ao longo dunha boa tempada.

Houbo un grupo de cidadáns que debuxou os rostros da pandemia cunha tenrura e agarimo que sobrepasa o papel, e un dos epicentros desta proposta está en Santiago. “Quixemos que a xente que o estaba pasando mal non parecera que o estaba pasando mal, e iso conseguímolo cos debuxos”, explica Olga López, a coordinadora deste proxecto en Compostela. E non é que pretenderan reflectir unha realidade que non era, senón que quixeron agasallar a esas persoas cunha mirada especial, cunha maneira de velos que lles devolvese un pouco de alegría en tempos revoltos.

RETRATOS EN VOLTA DO CASTRO. Durante o confinamento xurdiu dende Madrid unha corrente que animaba a aqueles que tiñan contacto co mundo do debuxo a participar na iniciativa Retratos para la cuarentena. Con diversas técnicas, chegaron xuntar en toda España unhas 2.000 obras, creadas a partir de fotografías que recibían e nas que aparecían sobre todo sanitarios e persoal de hospitais. Foi entón cando Olga López, que comezara nisto da arte do lápiz e o pincel hai catro anos, pensou en facer algo máis concreto en Santiago, poñendo a súa mente na Residencia de Maiores Volta do Castro. Quería deixar constancia da vida dos seus inquilinos nunha situación dura, pero cunha ollada doce, recollendo escenas de residentes e traballadores, incluídos os encargados da limpeza.

Así, puxo en marcha toda unha maquinaria que acabou dando uns froitos ben fermosos: 180 debuxos en acuarela, grafito, pastel, bolígrafo, rotulador... realizados, grazas ás imaxes envíadas dende o centro, por numerosos grupos como son BoSCQuejeros, USK Coruña, USK Rías Baixas, Dibuou, Dibujando en Lugo e Taller de Arte Mareiras. 79 artistas, uns máis profesionais e outros afeccionados, que non dubidaron en poñer todo o seu corazón nos avós e avoas e nos seus compañeiros de confinamento.

RECOMPILACIÓN. Cando as circunstancias o pemitan o obxectivo final co que partiu esta idea é poder entregar en man a cada protagonista o seu retrato, despois de facer unha exposición na propia residencia con todos os traballos. A bo seguro será un momento do mais emotivo, sobre todo porque detrás de cada trazo, de cada cor, hai unha historia entrañable. A de Virginia Santiago, que conta xa con 100 anos, a de Manuela que vive en Volta do Castro coa súa filla con Síndrome de Down, e moitas vidas máis que van ter para sempre o seu recuncho de memoria nestas obras. E é que, máis alá da técnica, trátase dunhas creacións que non deixan de ser momentos que se perciben nos xestos das facianas, na roupa, nas posturas ou nos ollos. “A María por su mirada serena, a Mercedes por sus ojos comprometidos...” rezan algúns dos debuxos que van acompañados de dedicatorias para os que nunca pensaron ser todo inspiración para outros.

Todo o proxecto, que vén de ser presentado no certame Compostela Ilustrada, está recollido nun vídeo que se pode visionar en Youtube co nome Volta do Castro grazas á difusión de Nanda Cabaleiro e á montaxe de Noemí Moisés. O desexo é tamén que estes pequenos anacos de vida queden recompilados nun libro.

16 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito