Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha ‘taxa’ turística para Santiago?

    AQUELAS PERSOAS QUE VIAXARON recentemente a Cataluña ou Baleares atopáronse con que, ademais do prezo da noite de hotel ou establecemento no que durmiron, tiveron que aboar unha tarifa de, por exemplo, dous euros e setenta e cinco céntimos en Barcelona en concepto do imposto sobre “estancias en establecementos turísticos en Cataluña” (IEET) e ate de catro euros en Menorca, unha cifra variable en función da categoría do establecemento e da temporada na que se realice. Outras capitais nacionais están agora debatendo nos seus plenos a conveniencia de materializar este tributo, como é o caso de San Sebastián, Málaga, Granada, Valencia e mesmo tamén Santiago de Compostela. Mais o manido recurso local non é novo, leva anos funcionando a nivel internacional.

    Xa a principios do século pasado Francia, país pioneiro na súa creación, recoñeceu a través dunha lei estatal a posibilidade de que os lugares con balneario puideran establecer un tributo que servise para manter e mellorara as infraestruturas turísticas e poder así competir en mellores condicións con outros países. O que comezou cos balnearios xeneralizouse e deu paso á tourist tax actual. Cinco décadas despois, os Estados Unidos puxeron en funcionamento o local occupancy tax, cuxa figura equivalente se estendeu nos anos noventa en outros moitos países. Hoxe en día pódense identificar só en Europa mais de vinte capitais que impoñen a taxa, entre as que se contan París, Viena, Roma, Múnic, Frankfurt, Florencia, Lyon, Bruxelas, Berlín, Praga, Venecia, Xenebra, Milán ou Niza. No resto do mundo son ben coñecidos os tributos de estadía que se pagan en Exipto, Tunisia, Marrocos, Maldivas, Dubai ou Tailandia, por poñer algún exemplo.

    É sabido que o impacto do turismo non é unívoco, ten moitas vantaxes facilmente identificables, mais tamén algúns inconvenientes, que a recadación deste novo tributo podería axudar a paliar. O desprazamento do comercio clásico por outro tipo de actividades –lícitas– con menor poder de identidade e cohesión para cidade, as dificultades de acceso á vivenda ou os problemas de mobilidade, por indicar só tres, poderían verse beneficiados si se contase con recursos adicionais para facerlle fronte.

    Logo da reflexión oportuna para Compostela cómpre formular unha proposta de taxa turística que sexa prudente, apoiada co consenso mais amplo posible, para permitir que a súa implantación aproveite as súas vontades e deixe de lados os seus inconvenientes, que os ten tamén.

    02 feb 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.