Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha vila para todos

    ao longo da extensa e complexa área xeográfica que separa Baiona de Foz, son numerosos os pobos e vilas que, coas súas peculiaridades e formas de ser, fan da súa cultura un elemento diferenciador que asumen e defenden con fondo orgullo. É esta cuestión a que permite falar dunha especie de espírito patrio da casa, do lugar onde naces, medras e te desenvolves con xentes de todo tipo e tantas cousas compartidas, pero sobre todo unha, o lugar de orixe, o sentido de pertenza a un lugar. Esa casa común para todos os cidadáns, froito dunha longa e próspera historia vivida en común, preséntase ante nós cunha única esixencia, a súa continuidade cos valores que nos convocan dende a noite dos tempos. Un imperativo que vén a coincidir coas máis novedosas tendencias urbanísticas que apostan por un necesario retornar á conciencia do local.

    Por sorte para nós –afortunados noieses– esta bagaxe cultural chéganos a través de diversas e frutíferas manifestacións, dende os poemas de Avilés ás letras de Prudencio, do escultor Ferreiro a María Mariño, de Santa María a Nova a San Francisco, mesmo camiñando sobre as pedras nas que se asenta o casco histórico de Noia.

    Son elas a mellor testemuña da evolución da nosa vila, moitas por desgraza perdidas nun tempo pasado que deixou orfa parte da nosa mellor historia. É esta circunstancia a que nos ten que facer reflexionar sobre o futuro da vila considerada en conxunto, e moi especialmente dende a súa céntrica zona histórica. Esa que, no dicir da Carta de Cracovia 2000 sobre conservación do patrimonio, debe ser vista como un todo, cunha intervención que “consiste en considerar sempre á cidade no seu conxunto morfolóxico, funcional e estrutural, como parte do territorio, do medio ambiente e da paisaxe circundante”.

    Son varios os estudos realizados os que invitan a pensar que o futuro de vilas e cidades –independentemente do número de habitantes– pasa por devolver o espazo público aos cidadáns, acondicionándoo plenamente ás necesidades sociais e mantendo sempre unha política de rehabilitación e conservación dos edificios, prazas e rúas. Oxalá algún día o noso concello pase por intentar imitar en certa medida a algunha das boas vilas de Galicia.

    É de xustiza recoñecer que na nosa vila –aínda que non sexa coa perspectiva global que manifestan outros municipios– estas políticas tamén se están a levar a cabo hoxe. Dende a renovación e mellora da fachada marítima, á construción do novo edificio do Museo do Mar, a recuperación do edificio do Casino ou, como non, a rehabilitación integral que se está a levar a cabo na Praza de Abastos.

    Pero todos estes válidos proxectos non acaban de reflectir esa vontade do total que sí se fai notable noutras vilas e que debería principiar pola plena optimización da zona histórica, xa peatonalizada. Asumindo a rica herdanza do pasado e o compromiso de futuro a que nos convoca, traballemos intelixentemente para que esa calidade de vida que se respira neses outros concellos en cuestión comece a percibirse tamén na nosa vila.

    24 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.