Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Urbanismo aspiracional

    Con frecuencia, hai alteracións Das que apenas somos conscientes: suceden e pensamos que son, dalgún xeito, espontáneas e case naturais. Máis aínda se non teñen lugar na nosa residencia habitual. Neste senso, lembro que hai uns anos (sería cara a 1997) pasei uns días en Madrid e cunha amiga que alí reside, achegámonos a tomar algo á vila d’El Escorial. De camiño, observei que canda á estrada e no medio e medio duns deses terreos secos que arrodean a capital de España, aparecía unha urbanización formada por –calculei- unhas corenta casas desas pegadas. Daquela pensei: onde está o valor de vivir aquí? Compartir a existencia con outras tantas familias de idéntico perfil. Non había outra resposta posible.

    E velaquí a aparente normalidade de tales transformacións. Moitas cidades de España padeceron uns cambios urbanísticos que modificaron non só as paisaxes senón tamén os modos de vivir. Caso esaxerado é, sen dúbida, o da capital de España, auténtica aspiradora de recursos, pensada xa polos gobernos de Aznar a maneira de megametrópole que tería que conectar Europa coa América hispana.

    Tal fenómeno e os que lle seguiron ven de ser analizado por Jorge Dioni López en La España de las piscinas (Arpa). Este xornalista, nacido en Benavente (Zamora) e formado en Barcelona, sitúa a panca destes cambios nos Plans de Actuación Urbana. Os PAU seguiron a aquela declaración de Aznar que estableceu que de igual maneira que todo o campo é ourego, calquera terreo era urbanizable. Aquilo foi o disparo de saída para a posta en marcha dunha complexa e ampla operación que tiña que funcionar como se se tratase das engrenaxes dun reloxo suízo: capitais das caixas de aforros para financiar promocións inmobiliarias, que serían construídas por millóns de obreiros chegados desde o estranxeiro, que precisarían vivenda, xustamente moitas das que poderían deixar baleiras os que mercarían –barra libre de hipotecas- as promocións que antes sinalamos.

    Pero estes proxectos, que pasaron a colonizar as periferias de moitas cidades, non tiñan un perfil neutro. Lonxe de estar pensados en vertical –que sempre resulta máis proveitoso e menos oneroso para o medio ambiente-, fórono en horizontal: casas unifamiliares ou edificios de altura limitada, a poder ser con piscina. Un modelo que, naturalmente, implicaba o uso de vehículo propio, obviamente en detrimento do transporte público. E de igual maneira –certas políticas non son inocentes- a ausencia de centros escolares e sanitarios públicos era cuberta de inmediato pola iniciativa privada: concertada e con cesión de terreos públicos.

    Por contra, teríamos o fenómeno Pitis, zona no norte da cidade de Madrid, ben estudado por Enric Juliana. O Metro e Adif chegaban a un non-lugar, que sen eles non tería apenas valor.

    Un modelo que favorece o individualismo fronte ao colectivo, o que conduce necesariamente a escoller opcións políticas liberais, sendo Ciudadanos a que mellor representaba a boa parte dos propietarios das novas promocións inmobiliarias. Estes novos habitantes –sinala Jorge Dioni- conforman unha pirámide demográfica peculiar, con apenas dous grupos: un estaría formado pola franxa 35-45 anos (pais e nais) e o outro pola de 0-10 (os fillos).

    Pero a análise de Jorge Dioni –sendo rigorosa e exhaustiva- queda corta. Por exemplo, se consideramos que a estación do AVE de Guadalajara foi colocada en Yebes para poder dar servizo á nova cidade residencial de Valdeluz (en terreos duns familiares de Esperanza Aguirre). Pero non esquezamos que un goberno de CiU quixo facer unha operación semellante cando en 1999 propuxo que a estación do AVE de Barcelona estivese en Rubí, canda Sant Cugat del Vallès, unha das zonas de expansión para ricos.

    Sen estes vimbios non se pode entender o queipo de Isabel Díaz Ayuso. Moi ben definiu en 2019 os atascos coma sinal de identidade de Madrid: os novos barrios obrigan ás autoridades a gastar en novas vías de comunicación pero as entradas á cidade non dan para tanto. Daquela, o atasco non é consecuencia senón o símbolo deste urbanismo tolo, pensado ao servizo duns poucos pero, ao cabo, pagado por todos.

    Joaquim Ventura

    15 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito