Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vargas Llosa le a Borges

    SE pensa vostede que Borges foi cómplice das dictaduras sudamericanas do seu tempo, como pensamos moitos e o proban os feitos, e que iso é todo o que paga a pena dicir sobre el, é mellor que non lea este artigo. Porque estas liñas están dedicadas a celebrar ao Borges escritor, que foi un dos tres ou catro máis grande entre os escritores en lingua castelá do pasado século e quizais o único dos nosos contemporáneos que pode compararse con Cervantes ou con Quevedo, aínda que o seu espíritu sexa moi diferente.

    Mario Vargas Llosa acaba de publicar (Alfagura) unha recompilación de textos e entrevistas sementados en xornais e revistas sobre o mestre arxentino, baixo o título de Medio siglo con Borges. É un libro excelente, primeiro por razóns de crítica literaria, pois está inzado de felices observacións e reflexións sobre Borges como escritor e tamén como personaxe público. E máis alá da crítica, ten unha virtude que rara vez atopamos nos libros de especialistas e académicos: Vargas Llosa é un lector xeneroso e apaixoado (e sabe transmitilo), un escritor honestamente entregado o oficio de ler e escribir e de tratar de explicar o mundo e as persoas con palabras precisas e claras.

    Dicía Paul Valery que a sintaxe e unha facultade da alma e quizais por iso hai escritores que dominan a alquimia de convertir ideas complexas en frases claras (como Don Mario) e outros que non escribirán unha liña intelexible nin por azar, como sabemos todos os lectores.

    Sabemos da perfección de orfebre da prosa borgiana. Algunhas veces, penso eu, o seu xogo de ucronías, de seres imaxinarios e de personaxes míticos fainos pensar en Cunqueiro. Tamén o desexo de ambos de buscar e atopar temas sempre un paso máis alá das lindes da realidade e da vida común. Pero Borges instalou a sua literatura nun mundo de referencias abstractas –o tempo, a inmortalidade, o improbable, o destino–, de símbolos e alegorías.

    Ese desexo de escribir sempre lonxe do concreto, leva a obra de Borges a unha certa deshumanización (que Vargas Llosa comenta moi ben), mentres a obra de Cunqueiro –que tamén se recrea no alegórico– vestiuse coas roupas do sensual, do carnal e do local ata converterse nun canto á humanidade e aos pequenos praceres, que son moitas veces a porta para chegar a saberes metafísicos.

    “No hay placer más complejo que el pensamiento”, escribiu Borges nun dos seus contos. Pero tamén lamentou moitas veces non ter sabido ou querido gozar máis dos praceres que existen máis alá da erudición, da filosofía e dos libros. Laiabase de ter lido moito e vivido pouco ata confesar nunha entrevista: “Estoy podrido de literatura”.

    Quizais foi o prezo de crear unha obra extraordinaria, complexa, abstracta e metaliteraria como poucas. E quizais foi María Kodama, nos ultimos anos de vida, xa cego e con pouca axilidade, o seu vínculo coa vida que antes non lle importou demasiado.

    21 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.