Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Variedades

    NUNHA pequena entrevista cun novo cineasta galego, lin hai poucos días a sorprendente afirmación de que no audiovisual actual non hai variedade. Resultoume tamén chocante o motivo desta presunta monotonía, segundo o entrevistado: estamos baixo o dominio do imaxinario estadounidense. Dinme conta de que o visionario que así falaba era moi novo, pertencente a unha xeración para a que as películas e series proceden con toda facilidade abundancia desas fontes permanentes que son Netflix, HBO, Amazon, Filmin, Movistar... é dicir, medrou xa nun mundo onde as ver películas non precisa de esperas, nin viaxes, nin búsquedas nuns poucos catálogos sobre avangardas ou cinematografías exóticas.

    Non quero parecer o abuelo Cebolleta, pero houbo un tempo –ben próximo, por outro lado– non que para vermos certas películas era preciso cazalas cando pasaban por algunha das salas de cine da túa cidade, ou viaxar a unha cidade máis grande e con mais oferta, ou esperar a que sairan en vhs, ou en dvd, ou velas cando algunha canle misericordiosa tiña a bondade de emitila. Case nada de todo iso existe, pero ese foi o mundo no que medramos moitos afeccionados e profesionais. A dispoñibilidade das películas e series era daquela limitada, pero eramos conscientes de que nos quedaba tanto por descubrir que non pensabamos que no audiovisual non houbera variedade.

    Grazas ás grandes despensas cinematográficas que hai en internet e nas distintas plataformas, hoxe o subministro é constante, inabarcable, asolutamente excesivo con respecto á capacidade individual de coñecer unha cantidade ínfima da oferta. So en España, houbo o ano pasado 219 estreas comerciais. E na India, unhas dúas mil longametraxes. En EEUU rematan de editarse duas longametraxes comerciais cada día, sen contar telefilms, curtamentraxes, documentais, formatos experimentais e outros. E sen contar, por suposto, as series de televisión nin as incontables producións fóra dos circuitos máis convencionais.

    Supoño que semellante empacho leva á sensación de que non hai variedade, como o larpeiro que ven de comer un cocido pantagruélico e chega á conclusión de que xa non hai peixes que lle apetezan, como se a culpa fora dos peixes e non do cocido que leva no bandullo. Co cambio radical no xeito de consumirmos cine –pasamos das salas ao consumo doméstico– perdemos o rito e o acontecemento que era “ir ao cine” e tamén perdemos unha parte da experiencia cinematográfica orixinal, porque a sala e a pantalla grande represntan unha maneira diferente e máis intensa de ver as películas, unna maneira que non pode ser emulada polo visionado no móbil ou na tele. Pero a cambio, gañamos unha oferta inmediata, omnipresente e infinita.

    Descubrir que non hai un”imaxinario estodunidense” senon moitos é so cuestión de tempo. Hollywood é moi grande, pero a vida e os creadores ainda o son máis.

    08 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito