Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Virxinia Pereira, esa patriota

    A maioría da cidadanía galega non sabe nin quen é, nin lles importa, nin nunca escoitaron falar dela. Para unhas poucas só é a “muller de Castelao”. Para unha xeración de nacionalistas coma min, si era a muller de Castelao, pero tamén unha señorita da Estrada, frívola, afastada da política e que falaba en castelán.

    Segundo a extensa e documentada biografía de Virxinia Pereira, realizada por Montse Fajardo e editada polo Concello de Pontevedra, A vida incerta, a Virxinia real ten moi pouco que ver coa imaxe que ficou dela.

    Unha imaxe “sexista e inxusta”, cando ela se comportaba “como a muller do presidente de Galiza”, afirma Adela Figueroa no citado libro.

    A autora da biografía sostén que “por riba da súa achega ao inconmensurábel traballo do seu home e da súa propia postura claramente galeguista e antifascista”, destaca “a súa defensa teimosa da Terra e da lingua. A súa incontestábel é persoal loita que deixan patentes as súas cartas”.

    Nesas cartas, nun fluído e literario galego, fronte a outros galeguistas que aínda se carteaban en español, queda clara a implicación política de Virxinia, da que non necesitaba dar mostras mentres vivía Castelao, pero que agora reivindicaba, tamén en homenaxe a súa memoria: “Os enxebres amadores de Galiza co ti dices moi ben, non podemos nin debemos afloxar. Moitos ou poucos, temos a obriga de seguir a loita” (Carta a Otero Pedrayo).

    Virxinia nunca fuxirá daquelas batallas para que o ideario de Castelao non sexa manipulado. Nin polos da diáspora, nin polos do interior. E tamén para que a súa obra “patrimonio da súa adourada Galiza” sexa “salvada e respectada” e exposta no Museo de Pontevedra. Para defender o ideario e a obra de Castelao está disposta a todo, pois síntese “con forzas de leona”.

    Máis alá do sexismo duns e do paternalismo dalgúns amigos, quen tiña interese non só en silenciar senón en deturpar e até aldraxar a vida e obra de Virxinia Pereira? Non hai dúbida: os mesmos que silenciaron e deturparon o ideario político de Castelao, por comenencia.

    17 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.