Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Visitando un país militarizado: o Curdistan

    Hai 25 anos realicei unha viaxe ao Curdistán, controlado por Turquía, como parte dunha delegación europea. Era un intre no que en Europa, e moi especialmente en Alemaña, vivíanse manifestacións e protestas pola cuestión curda. Contaban co apoio de organizacións sociais, sindicais e de dereitos humanos, que pretendían chamar a atención sobre a represión, especialmente no territorio dominado por Ancara, nesta vella nación dividida e sen estado propio. Os feitos eran abraiantes: máis de 900 aldeas destruídas, case 3 millóns de persoas desprazadas, preto dun millón de homes e mulleres interrogadas nos últimos sete anos, uns 20.000 mortos, milleiros de detidos. Era o cru balance da política de asimilación por parte de Turqía, negando até a propia existencia do povo curdo, da súa lingua e das súas tradicións.

    Para comprobar sobre terreo o xenocidio e a represión, e amosar a solidariedade con este povo, durante oito días, no mes de marzo de 1996, persoas de distintos países e de varias organizacións visitamos esta nación negada. Percorremos máis de 1.600 quilómetros, desde Deiarbakir, na alta Mesopotamia, pasando polos vales próximos ao Monte Ararat, até Darsin (Tunyeli en Turco) preto dos montes Tauro. Foi unha viaxe difícil, coa policía, xendarmería e exército controlándonos arreo, a fin de evitar que fixeramos contacto con organizacións civís ou coa guerrilla.

    A medida que o avión das liñas aéreas turcas foise aproximando á pista de aterraxe de Diyarbakir ollamos máis nidiamente, a unha beira do aeroporto, ducias de caza-bombardeiros, helicópteros, e os hangares de cemento. Eran o anticipo do enorme despregue de maquinaria bélica e tropas que iamos ver ao longo e largo de todo o Curdistán. Até certo punto parecería lóxico que houbera unha maior presencia militar na zona, tendo en conta que a menos de 100 quilómetros estaba a fronteira de Iraq e Irán, porén a presenza militar era igual de importante en Erzurum e Pulumur, a centos de quilómetros destes países.

    Diyarbakir, é considerada polos curdos como a súa capital. É famosa polas súas murallas de basalto negro, estas consérvanse ben, aínda que algúns tramos foron eliminados para deixar pasar avenidas, e noutros os comercios apóianse nos históricos muros. Nas rúas vense acotío tanquetas e jeeps con metralladoras pesadas da xendarmería e da policía militar. Achegámonos á Universidade para ver como se celebra o Newroz. Era un edificio de varios pisos nas aforas da cidade, cunha mesquita impoñente doutro lado da estrada no alto dun outeiro,... cando chegamos a policía xa tiña reprimido e dispersado aos/as estudantes.

    Ese mesmo día, pola tarde, partimos deica Dugobeyazit, unha cidade ao pé do monte Ararat (Agri en Turco), a poucos quilómetros da fronteira con Armenia e Irán. A cinco ou seis quilómetros do lugar de partida un control da policía fainos baixar do bus, pídenos os pasaportes, revísanos as maletas e mesmo miraron folla a folla os cadernos ou documentos que levamos, todo isto baixo a chuvia que converteu o chan nun lameiro. Déixannos pasar. Aos vinte quilómetros un novo control, desta volta da xendarmería, a guía (unha curda con pasaporte francés) fala con eles e despois de realizar consultas por teléfono poñen dúas tanquetas detrás do bus seica “para nos protexer dos bandidos”. Así perante 100 quilómetros até Bitlis, a capital de departamento, despois de pasar por 5 ou 6 postos de control máis (cheos de tanques, TOAS, tanquetas...), nesta cidade o comandante do posto da xendarmería quere “falar con nós”, fóra todo está nevado e fai un frío tremendo.

    O comandante recibe ó grupo, somos 18, dos que 13 estranxeiros, entre eles un senador do PNV, periodistas franceses, reporteiros de TV, organizacións de dereitos humanos de Francia, España e xuíza, e tres sindicalistas galegos. O militar turco comeza falar das atrocidades do PKK (Partido dos traballadores do Curdistán, ilegal, con 15.000 guerrilleiros, segundo os observadores, erguidos en armas desde 1984, e dirixido por Abdula Açolan. Todos/as calamos. Tres horas despois podemos seguir. De novo protección, esta vez jeep con oito soldados, que nos obrigan a tomar unha estrada distinta até Agri, non a que pasa pola cidade de Van como nos queriamos senón por Erçis, deixando o lago Van á nosa dereita. Máis neve, novos controles e a protección nalgúns tramos dun TOA. Consecuencias, para percorrer os 600 quilómetros que hai até Dugobeyazit levounos 16 horas.

    De Dugobeyazit, trasladámonos a Igdir. Alí presenciamos un mitin nunha praza do Primeiro Ministro Turco, xa que estaban en campaña electoral, o lugar estaba ateigado de xente, e os altos protexidos por policías armados, tamén vestidos de civil. Nos días seguintes nesta zona tivemos oportunidade de ver os asentamentos de colonos azeris e tayicos que substitúen as aldeas curdas abandonadas pola represión, unha inmigración política que tamén forma parte das cidades. Achegámonos a un destes campamentos preto de Igdir, a un lado da estrada, está constituído por casas de manpostería e acollen a varios centos de familias azeris (povo de lingua turca). Noutro lugar, xunto ás casas de adobe dos curdos estanlles facendo a estes inmigrantes pisos en varios edificios, aínda en construción. Detrás dunha caseta ollamos a dous TOAS.

    En Igdir conseguimos falar con varios civís, un deles convídanos a cear na casa, ao día seguinte detéñeno durante sete horas os gardas de aldea, “somaténs”. Outro tanto vainos suceder na provincia de Tunyeli, onde uns labregos que se nos aproximaron para falar de como unha familia de nove persoas fora asasinada polo exército meses antes, despois de destruír a súa casa que estaba a vinte metros nosa, foron visitados esa mesma tarde polo exército e a xendarmería.

    Ao chegar a Pulumur sufrimos unha nova retención de 4 ou 5 horas, perdón, convite do comandante dun cuartel militar de seguridade. Tratábase dun campamento do exército co que nos atopamos ás dúas da mañá en plena montaña, a case que 2000 metros de altitude. O militar repítenos o discurso contra o PKK, negando a existencia dos curdos e súa lingua, e indicando que o problema só se resumía a uns cantos bandidos.

    En resumo, represión, militarización e impedimento de contacto cos civís deixaba en evidencia a negación do dereitos básicos no Curdistan. O noso grupo xogaba coa vantaxe de sermos estranxeiros da Unión Europea, coa que Turquía ten un acordo de unión aduaneira e daquela mantiña un trato especial co obxectivo de se incorporar como estado membro. Ao que se sumaba a denuncia dos feitos, e aos embaixadores español e francés realizando xestións para evitar situacións que deran lugar a un conflito. Pensemos que sucedería senón fose así, seguramente repetiríase a experiencia de varios periodistas alemáns que por ter unha foto de guerrilleiros pasaron tres anos nas prisións turcas. No noso caso sabiamos que como máximo poderiamos ser expulsados, porén tiñamos temor polo periodista turco que nos acompañaba, e que intentaron deter nas aforas de Dugovayazit, para el non habería tantas contemplacións.

    Cando Erdogan accedeu á Presidencia de Turquía durante un período abriuse unha porta ao dialogo. Mais esta etapa durou pouco. Tal como valora Leandro Albani: “En 2016 Erdogan tiña problemas en varias frontes. O máis molesto no plano interno era o medre do Movemento de Liberación de Curdistán, que canaliza súa política institucional a través do Partido Democrático dos Povos (HDP, nas siglas orixinais), e do Partido Paz e Democracia (BDP, nas siglas orixinais). En xuño de 2015, nas eleccións xerais, o HDP logrou que 80 dos seus candidatos a deputados/as ingresasen ao Parlamento, unha vitoria inédita. Ademais, a través do BDP, o movemento curdo governaba arredor de 100 alcaldías do suleste do país. Finalizados os comicios e ante a imposibilidade de formar un governo de maioría do seu partido, o AKP, Erdogan convocou a novas eleccións para novembro dese ano. Nese período as forzas de seguridade e o exército lanzaron unha operación demoledora contra o pobo kurdo. Ademais de encarcerar a dous mil militantes do HDP, desenvolvéronse operacións militares en varias cidades e povos”. (https://rebelion.org/hacia-donde-va-kurdistan/).

    Na actualidade a represión contra o povo curdo é tremenda, máxime cando forma parte do proxecto expansionistas pan-turco de Erdogan, co que ademais pretende tapar a crise económica e social interna. Agora ben, malia este contexto tan negativo, o movemento curdo non abandonou a vía democrática e electoral, a súa proposta dun estado plurinacional e confederal en Turquía, e a defensa por todos os medios dos dereitos colectivos e individuais. Aínda que na actualidade tanto a situación política interna e externa semella máis complexa, e que a UE mire para outro lado inadmisibel. Mesmo con todos estes atrancos, resulta imposíbel negar a existencia da nación curda e o seu dereito á autodeterminación. Máxime cando a confrontación en Siria dálle tanta visibilidade.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    09 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito