Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volveron as chuvias

HAI só uns días, o 31 de agosto, a chuvia recollida ata esa data no ano hidrolóxico era a máis baixa dos últimos cincuenta anos, polo que as perspectivas das nosas dispoñibilidades hídricas cara ao futuro eran certamente preocupantes. Se a seca continuase, as emerxencias no abastecemento deste recurso esencial comezarían a manifestarse dun xeito progresivo en moitos concellos do país. Felizmente chegaron as chuvias, sobre todo na vertente atlántica (en Ourense aínda só se recolleron 5 mm) e as perspectivas dunha vida con restricións nos usos da auga semella que se están a afastar, o que, de todas maneiras, non debería facernos esquecer a súa problemática.

Máis ben deberiamos aproveitar este período de tranquilidade que agardamos que comece agora para reflexionar, sen présas e urxencias, sobre as solucións que habería que poñer en práctica e imitar ese consello tantas veces enunciado e tan poucas seguido: “Os incendios forestais apáganse no inverno”, que fai referencia ás medidas preventivas que se deberían tomar antes de que chegue a época dos lumes.

Primeiramente, atendendo ás necesidades en auga potable das poboacións que, segundo todas as lexislacións (coa Directiva Marco da Auga europea á cabeza), deberían ser as que se asegurasen dun xeito prioritario. En Galicia ascenden aos 299 Hm3 e supoñen o 8% da demanda total en auga dos diferentes usos e, para salvagardalas, habería que dispoñer duns sistemas de captación e distribución suficientes e ben xestionados. A priori, os nosos ríos (hai tempo xa que os mananciais deixaron de ser os recursos fundamentais das augas potábeis) levan auga abonda como para satisfacer todas as demandas da poboación. O que ocorre é que as dimensións e características das captacións ás veces non son as axeitadas, como aconteceu este ano en Ribadavia onde secou o río que achegaba a auga. E posiblemente, haberá que incrementar a almacenada facendo novos encoros ou redimensionando os existentes a pesar do rexeitamento ambiental que estas medidas puidesen supoñer.

A segunda prioridade que cómpre defender son os caudais ecolóxicos que permiten o mantemento da vida nos ríos e de cuxo control se ocupan as administracións estatal e autonómica. Ascenden aos 2.322 Hm3 e supoñen o 62% das nosas necesidades en auga. Pouco máis hai que dicir deles, agás que as “autoridades competentes” sexan rigorosas na vixilancia da xestión dos encoros, que son os principais responsábeis destes caudais, e non dean orixe a episodios que fagan saltar as alarmas de todos os preocupados pola bioloxía fluvial.

A terceira prioridade en relación coas demandas en auga é a que atende ás necesidades agrícolas e gandeiras que en Galicia supoñen 983 Hm3, o 26 % do total. En España dependen fundamentalmente do regadío e, posiblemente, representa o uso da auga sometido a un maior debate social polas disfuncións que poden aparecer no relativo ao tipo de cultivo regado e ao uso excesivo das augas subterráneas. En Galicia esta problemática non é tan aguda, pero si habería que sinalar que coñecemos moi mal a súa dimensión, pois as estatísticas de terras con rega en Galicia van desde as 64.000 has. ata as 7.700 has., segundo as fontes, polo que mentres non teñamos datos máis seguros pouco máis se podería dicir deste uso da auga. O último, que sería o uso industrial con 146 Hm3 e representa o 4%, segundo o meu parecer, non tería polo momento problemas serios de xestión.

A planificación da nova xestión da auga cara a uns horizontes con secas importantes cada vez máis prolongadas e frecuentes, que xa se está a definir como a da “transición hidrolóxica”, debería comezar nos concellos, onde existe xa un amplo conxunto de responsabilidades que teñen que asumir e debería rematar coa súa harmonización no ámbito da demarcación hidrolóxica que, como é ben sabido, existen dúas que se reparten o noso territorio: a de Galicia-Costa, autonómica, e a do Miño-Sil, estatal.

Coido que non sería moito pedir que, cando menos, houbese entre elas unha certa homologación nos métodos de control e análise das secas así como da forma en que se lles ofrecen ao público os seus resultados. Algo que adoece de moitas carencias e que agradeceríamos sinceramente que desapareceran e así, como Galicia é unha, tamén o debería ser a linguaxe de quen está a falar das súas augas.

12 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito