Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xestión municipal desexábel

    NO mes de maio próximo, é dicer, a menos de 5 meses volveremos votar nas eleccións locais, e, fóra pandemia, conviña ver se nos catro anos que nos separan das anteriores eleicións se deron pasos firmes nalgún cambio na xestión ou no enfoque da política municipal. E, infelizmente, no caso do concello cabeza da grande comarca compostelá non se observa nen cambio de rumbo nen melloras substantivas na xestión máis ordinaria.

    Certo é que grazas aos amigos simpatizantes que en forma de ondas e hordas de visitantes, chamados uns peregrinos e outros turistas, fomos salvando o máis elemental fundo da bolsa de haberes. Mais quen resolveu –o polo menos tivo conta– os máis importantes problemas de xestión municipal pendentes desde os lustros anteriores? Non atopamos resposta nen accións propositais con logros recoñecidos que dean conta dun proxecto global de cidade.

    Non imos citar os casos coñecidísimos –por seren obxecto de contestación cidadá con repercusión pública– das vivendas de uso turístico, do tránsito urbano, do transporte público en autobuses que se desintegran de forma espontánea (ou será mellor dicer espatarran?), do lío irresoluto do edificio do vello colexio Peleteiro, da desaparición do pequeno comercio sen análise nen busca de solución, do baleirado da cidade histórica, do baixo crecemento demográfico da cidade por non dicer decrecemento... nen de que, cando intentas acceder ao Informe Anual da Comisión Especial de reclamacións e suxestións anualidade 2020, sae o erro 404, que non dicemos que non exista, só é que se atopa recóndito.

    Convén por saúde cidadá mirar cara ao futuro e pór a vista en responsábeis do goberno municipal compostelán que teñan un bon desexo de construír, aos poucos, unha cidade anovada e con futuro. Para iso basta cumprir dúas condicións: ter unha vontade firme de facelo e, xa postos á obra, intentar facelo ben, esquecendo dunha vez por todas os retrousos consabidos e paralizantes de “sempre se fixo así”, “é o que hai”, “malo será” ou “que lle imos facer”.

    É hora de traballar a serio e lembrar accións que no seu momento se levaron a cabo: accións municipais que deixaron pegada até hoxe, mesmo con pouca vida como é o Consorcio. A consideración da cidade como cabeza universitaria e de investigación, con necesidades obxectivas de vida, en acordo coa institución municipal, tamén cidade cabeza da administración autonómica, capital de Galiza, precisan doutro rango non asociado ao seu tamaño e si ao rol institucional.

    En fin, uns responsábeis políticos no concello que teñan máis dependencia do contido do seu traballo feito en harmonía, en beneficio do ben público común, que da imaxe (case só foto) do labor diario, que se amosa a maior parte das veces, verdadeiramente prescindíbel. É certo que vivemos na época da imaxe, mais de momento imos valorar positivamente o peso obxectivo dos feitos. Deberían, eses feitos, conformar programas de acción municipal para mobilizar os recursos existentes e construír unha cidade vivíbel.

    É tan elemental por onde se debe comezar que poderíamos propor, por exemplo: licenzas de obras e reformas nun máximo de 4 meses, non 24, como agora. Devolución de taxas municipais, 1 mes, por exemplo, non un ano... como agora.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.