Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xornalismo

    O outro día ía camiñando pola zona vella, nun dos paseos que comezo a dar por las rúas desta cidade que tanto me entusiasma. Alertada polas sereas da policía achegueime a ver que pasaba na Praza do Irmán Gómez, onde se congregaran varias patrullas. Foi unha pequena liorta que non chegou a maiores.

    Non é o caso deste escrito, falar de sucesos e do que acontece no noso concello. Iso daría para moitas liñas. A cuestión é que, lonxe de alegrarme de que se dean situacións que non se deberían dar, acudir e interesarme polo que estaba pasando (nun momento no que non estou facendo informacións) sí me recordou a esencia de por que quixen ser xornalista. Simplemente porque me gusta contar, porque me gusta comunicar e porque me gusta vivir a actualidade da vida cotiá.

    Neste artigo non quería falar de min, quería falar do xornalismo. Á marxe de todo tipo de batallas ideolóxicas ou da valoración que todos temos dereito a facer das informacións, esta pandemia que atravesamos pareceume un dos retos máis grandes e complicados aos que se pode enfrontar un nesta profesión. Foron e seguen sendo, aínda que baixando a intensidade, xornadas de moitas cifras, moitas comparecencias, moitas opinións, moitas intervencións de persoeiros de diversos ámbitos e, sobre todo, moitas historias persoais. Tamén moitas situacións excepcionais, resultado dos efectos colaterais de confinarse e paralizar a actividade dun país.

    Este xornal acaba de cumprir as súas 50.000 publicacións. As dos últimos meses cheas de páxinas dando conta de todo iso que mencionaba. Os xornalistas estamos acostumados a buscar contidos e quizais nestes tempos con tal carga de información parecera que estaba todo feito, pero máis ben é o contrario. Moitas frontes ás que atender, moito que ordear...

    Quero facer mención aparte dos redactores de deportes. Eles demostraron canto se pode contar sen competicións. Foi bonito ver como se reiventaron máis alá do día de partido, o día antes e o día despois. Gustoume moito o seu xornalismo, ese no que falaron de libros, de pelis, de vidas, de persoas. Ese que queda gravado nas 50.000.

    16 jun 2020 / 22:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.