Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Isaac Díaz Pardo en Compostela

A casa da Tumbona

Para Isaac Díaz Pardo, Compostela era a cidade na que naceu, na que viviu os primeiros 16 anos da súa vida e na que, cando tiña 10 anos, seu pai lle prendeu na cabeza unha indeleble estreliña forxada na irmandade “da luz da Libertá”, que se converteu nun premonitorio testamento moral irrenunciable para toda a súa vida.

Pero a veciñanza compostelá rematou co levantamento militar de 1936, a resultas do cal, seu pai, Camilo Díaz Baliño, foi vítima dunha feroz inmolación en aras do absurdo. Desposuído de todo, derrotada e aniquilada a súa familia, Isaac tivo que fuxir escapando das gadoupas fascistas que o perseguían. Pasaron días e anos, pero Isaac non puido nunca esquecer a rúa das Hortas nin o cheiro do calexón da Tumbona da súa infancia.

A prolífica e enriquecedora vida de Díaz Pardo comezou o 22 de agosto de 1920, o día en que naceu na casa da Tumbona, nº 37 da rúa das Hortas. Seu pai, escenógrafo de profesión, estableceuse ese mesmo ano en Santiago como director da empresa de exhibición cinematográfica e teatral fundada por Isaac Fraga. E Isaac, desde pequeniño, axudaba a seu pai encintándolle os telóns, pintando fondos e estarcidos e facéndolle rotulacións e debuxos e presenciaba as conversas e reunións de Camilo cos intelectuais que se reunían na casa da Tumbona, desde Castelao ou Ánxel Casal ata os máis novos da xeración do Seminario de Estudos Galegos. E esa foi unha escola que, por osmose emocional, foi formando a personalidade de Isaac.

Os primeiros estudos realizounos Isaac na Academia Xelmírez, na Algalia de Abaixo, esquina á Quella dos Trocos, pretiño do Palacio de Amarante. Xosé Teixeiro era o director e propietario e Camilo Díaz Baliño profesor de Debuxo. No ano 36 Isaac substituía moitas veces a seu pai nas clases de Debuxo, que desempeñaba perfectamente. E foi o mestre Teixeiro quen lles anunciou na aula, en abril de 1931, a instauración da República e explicoulles que a República era un proxecto para dignificar a vida e as relacións dos homes.

Estatuto de Autonomía

Na casa da Tumbona fixéronse os carteis para a propaganda do estatuto de Autonomía de 1936: un de Camilo, tres de Isaac e dous de Castelao. Pero Castelao, que andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria non tiña tempo de compoñelos, así que lle deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle: “Isaíño, faimos ti”. “Eu fixen os dous de Castelao. Era simplemente reproducir as súas ideas nos carteis. El dicíame `aquí metes tal cousa, alí aquela outra´. Logo, os falanxistas entraron na nosa casa para destruír un montón de cousas, como o cartel da vaca de Castelao. Era un debuxo que me entregou a min, coloreado sobre unha cartolina para que eu o ampliase, lle puxese a lenda que el me indicou e o mandase a imprimir. Ese debuxo meu pai levouno para o seu despacho, que foi onde os falanxistas se cebaron, e desapareceu. Dese debuxo, magnífico, que ademais tiña un significado especial, só se conserva a miña interpretación, que se cadra non se parece nada ao orixinal”.

Das cousas que se salvaron hai tres fotografías nas que me quero deter brevemente porque resultan ilustrativas para comprender os anos da infancia e adolescencia de Isaac. A primeira, entrañable, é de 1925, cando Isaac tiña 5 anos de idade. Aparece Isaac nesta foto tomada na horta da casa da Tumbona co seu pai, Camilo, e súa irma, Chita, seis anos maior có seu irmán, que observa solidaria como Isaac, guiado por seu pai, se inicia na aprendizaxe da lectura. As mans de Isaac están en acción, fixando o camiño que deben se seguir os ollos.

A asegunda é de 1936. Despois de participar na campaña do Estatuto como cartelista e propagandista, Isaac pintou no lousado da Praza do Obradoiro un gran mural no que con grandes letras vangardistas se lía: Autonomía de Galicia. SI. Si. E tamén unha estrela. Logo subiu ao alto do pazo de Raxoi e fotografou en picado ese SI que Galicia lle outorgou á súa autonomía o 28 de xuño de 1936.

A terceira é de 1934. Na foto aparece Isaac na praza do Obradoiro co seu camarada das Xuventude Socialistas Unificadas, Germán Fernández. Dous amigos aos que unían os mesmos ideais e aos que a guerra civil os separou irremediablemente.

Germancito, que así era coñecido en Santiago, era fillo de José Germán Fernández, militar retirado pola lei Azaña, afiliado a Esquerda Republicana, primeiro tenente de alcalde e Alcalde trala dimisión de Ánxel Casal. Foi dos primeiros inmolados por ser fiel á República. Germancito tralo asasinato de seu pai afiliouse á Falanxe á conta da que viviu como asalariado o resto da súa vida. En opinión de Luís Pasín, testemuña fiel daquelas datas “Germancito era un falanxista malo. Vestía acotío co uniforme azul e cunha fusta na man -acompañado case sempre polos seus correlixionarios, o avogado e procurador Solla, da Carreira do Conde, e Gerpe, celador do Hospital e veciño da rúa das Hortas- entraba nas tabernas e obrigaba aos seareiros a poñerse de pé e cantar o Cara al Sol”. Tal era a súa ruindade que unha lenda urbana á que Pasín non dá crédito, circulou por Santiago asegurando que se ofreceu a formar parte do pelotón de fusilamento de seu pai.

José Germán Fernández permaneceu soterrado nunha sepultura de pobres do cemiterio de Boisaca ata que a súa esposa, ao morrerlles o fillo en 1964, exhumou os restos do seu marido para enterralos xuntos. O pai republicano executado e o fillo que abxurou dos principios nos que o educaron.

Guerra civil

Dada a traxectoria galeguista de Camilio e a esquerdista de Isaac, o desasosego apoderouse da familia Díaz Pardo ao estalar o levantamento militar de 1936. Os primeiros días non saíron da casa e, por precaución, Camilo non acudía ao seu traballo no Concello, pero chamouno o Alcalde que puxeran os falanxistas, Manuel García Diéguez, militar de profesión, para dicirlle que se reincorporarse e que estivese tranquilo, que a el non lle ía pasar nada. E así o fixo, pero a finais de xullo detivérono e encarcerárono. Permaneceu detido na Falcona ata a noite do 13 de agosto en que o liberaron para que os falanxistas que o esperaban á porta do cárcere o conducisen e retivesen durante unhas horas no cárcere de Arzúa ata o amencer do día 14 en que o asasinaron, aparecendo o seu cadáver, xunto ao do estudante de Medicina, o rianxeiro Sixto Aguirre Garín, en Palas de Rei, nas proximidades do lugar de Saa, na parroquia de Meixide.

Estremecedoras son as páxinas que Isaac escribiu sobre as súas vivencias dos primeiros días da guerra civil en Santiago e sobre o desgarro emocional que para el supuxo o asasinato de seu pai. Páxinas sen resentimento, guiadas unicamente pola idea de manter a memoria dos inmolados e dos exiliados e para que o que el chamaba o anxo desmemorizador non provocase un ermo de amnesia retrógrada. Con 16 anos acabados de cumprir, Isaac perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita durante a guerra e a posguerra.

Reencontro con

Santiago

Para protexerse, Isaac, a súa nai e a súa irmá trasladáronse a vivir á Coruña, onde estivo escondido durante máis de 6 meses. Logo abriuse camiño, primeiro como pintor industrial e despois como pintor de éxito ata que decidiu abandonar a pintura de cabalete e en 1949 establecerse no Castro de Samoedo como ceramista. Salvo en contadas excepcións non volveu a Santiago ata 1978 a inaugurar na Rúa Nova a Galería Sargadelos. E a finais da década dos 80 Isaac estableceu no Instituto Galego de Información (San Marcos) a súa oficina máis estable e a súa residencia habitual durante máis de 20 anos porque quería facer do IGI o Instituto de Investigación e Deseño co que o Laboratorio de Formas dirixise a orientación da cerámica de Sargadelos e os diversos emprendementos de recuperar as formas da memoria histórica de Galicia e que sentase as bases do futuro do grupo Sargadelos. Para o ideario do IGI o importante era apoiar todo tipo de información e comunicación para servir a Galicia e as causas xustas. E Isaac traballaba e vivía no IGI porque como motor desa idea e piloto da nave, consideraba que tiña que estar permanentemente a pé de obra. Abandonou o IGI en xaneiro de 2010, cando, a golpes de usura e desmemoria, foi destituído da dirección das empresas do Grupo Sargadelos.

Camiñar por Santiago acompañándoo a cumprir cos seus moitos compromisos era toda unha regalía. Escoitarlle contar historias da súa infancia santiaguesa, das súas travesuras infantís ou de cando a xente das aldeas veciñas viña a Santiago para ver os fogos do Apóstolo e traían consigo roupa e colchóns e moitos deles pasaban a noite nos portais e nas beirarrúas da rúa das Hortas.

Unha historia moi curiosa que contaba con moita tristeza era a de que nos primeiros días de xullo de 1936 os falanxistas apuñalaron na Rúa do Vilar ao seu amigo Hernani, un aprendiz de prateiro repuxador, que defendía con ardor as ideas anarquistas de seu pai, un modesto obreiro da construción de San Lourenzo. Os autores da coitelada escaparon a refuxiarse na farmacia de Víctor Muñoz, nas Casas Reais, que era quen introducira e organizara as ideas nazi-fascistas en Santiago. Isaac e os seus amigos das Xuventudes perseguiron os agresores e apedraron a farmacia de Víctor Muñoz. Ao seguinte día foino buscar a policía e estivo encausado moito tempo. Hernani, abandonado, morreu no Sanatorio de Conxo e Isaac fíxolle un ensaio de retrato pintado.

Tamén contaba que á parte dos intelectuais e artistas, frecuentaba a Casa da Tumbona José Silva, do Carme de Abaixo, un dos fundadores do Partido Comunista de España, que pasaba moitas temporadas no cárcere. O pai de Isaac axudábao no que podía e Silva correspondíalle levándolle os primeiros libros marxistas que se publicaban en España. Tamén era veciño da rúa das Hortas o Nécoras, Eduardo Puente Carracedo, vello loitador político en América, anticlerical empedernido. Era un tipo fornido, intelixente, intransixente e bo bebedor. Nunha festa do Corpus tomouse a xustiza pola man e cun fungueiro desfíxolle a procesión en plena Rúa Nova ao cóengo ao que o xuíz sobresaíu o sumario nunha causa que o acusaba de aborto criminal. O Nécoras foi detido por roxo bestial e no 36 paseado no túnel da ponte da Rocha. Esta historia cóntaa outro compostelán, amigo de Díaz Baliño por traballaren xuntos no Teatro Principal, Manuel Fuentes Jorge, na súa novela Salomé del Sar, publicada en 1931.

Isaac Díaz Pardo faleceu na Coruña o 5 de xaneiro de 2012. Os seus restos repousan, onde senón, no cemiterio de Boisaca ao carón mesmo do memorial que o Concello de Santiago lle dedica aos que pagaron coa propia vida a defensa da liberdade e de Galicia en 1936 porque Díaz Pardo pertencía a un país que non estaba en ningures.

Ao país dos vencidos, dos paseados, dos exiliados.

Na súa campa unha lousa de pedra e unha breve inscrición: “Isaac Díaz Pardo 1920-2012”. Nada máis porque os epitafios podían ser tan infinitos, que se poderían resumir así: “Isaac Díaz Pardo, unha torre de ética por riba de todo coas causas xustas e Galicia sempre no horizonte”.

22 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.