Queixas e medio cento de sinaturas veciñais para esixir o arranxo da ruinosa rúa A Calexa de Arzúa

Dúas imaxes que amosan o estado da rúa arzuá A Calexa

Dúas imaxes que amosan o estado da rúa arzuá A Calexa / CEDIDA

Veciños da rúa A Calexa de Arzúa, que une a zona do campo da feira co Centro de Divulgación do Queixo e do Mel, veñen de presentar cincuenta e unha sinaturas “para solicitar ao Concello o seu arranxo”.

Segundo os residentes, presenta diversos problemas para quen a emprega, “como son os baches no firme en todo o seu percorrido, carencia de beirarrúas e de espazos delimitados para o estacionamento ou alumeado público irregular e deficiente”. Os veciños desta dirección consideran que “é unha rúa que está dentro da vila, e que é utilizada por moitos usuarios, especialmente os días de feira e en eventos como a Festa do Queixo ou as festas patronais”.

Esta circunstancia repercute no aumento “do deterioro e insalubridade, xa que a xente bota lixo, como vidro ou botes, e tamén hai excrementos, maioritariamente de cans”.

Por iso, esixen que se dote á travesía “dos servizos dos que xa dispoñen todas as do entorno, como é o caso da rúa do Viso, Basilio Carril, rúa da Quenlle” ou os “arredores do Centro de Divulgación do Queixo”.