Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A OMS avisa de que a pandemia está aínda “lonxe” de rematar

O director xeral alertou sobre a caída nas vacinas para enfermidades como a polio durante esta crise

Confirman máis de 200.000 mortes no mundo polo covid-19

Santiago. As mortes globais por covid-19 ascenden a 208.131, mentres que os casos totalizan 3.002.303 millóns, segundo as cifras publicadas onte pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Iso supón máis de 50.000 novos casos e de 3.000 falecidos nas últimas 24 horas, números sensiblemente menores aos rexistrados pola OMS o domingo, aínda que é pronto para confirmar unha desescalada, debido a que poderían aumentar antes do final da xornada.

Europa segue sendo a rexión máis afectada, con 1,34 millóns de casos, aínda que é a que mostra unha curva descendente de casos máis clara, mentres que América con 1,14 millóns, experimentou un alto repunte a pasada fin de semana e agora acumula tres días de lento descenso.

Rexións como Oriente Medio (165.000 casos), África (21.000) ou o sueste asiático (44.000) están lonxe das cifras de Europa ou América pero as tres mostran unha preocupante tendencia rapidamente ascendente no número de infeccións.

EEUU, España, Italia, Alemaña, Reino Unido e Francia mantéñense como os países máis afectados, seguidos de Turquía, que superou xa os 100.000 contaxios.

Os recuperados no planeta, segundo as autoridades sanitarias nacionais, roldan os 900.000, mentres que a cifras de pacientes en estado grave mantense estable, por baixo dos 60.000 (un 3% do total dos casos actuais).

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, avisou onte de que a pandemia do novo coronavirus está aínda “lonxe” de finalizar e comentou que aínda queda “moito por facer”, especialmente nas zonas máis pobres e vulnerables.

Por iso, e lembrando que moitos países en Europa están a comezar a levantar algunhas restricións, Tedros subliñou a importancia de que se sigan detectando, illando e tratando a todos os casos de covid-19, así como que se realice un seguimento dos contactos mantidos.

“Pero a pandemia está lonxe de terminar. A OMS segue preocupada polas tendencias crecentes en África, Europa do Leste, América Latina e algúns países asiáticos. Como en todas as rexións, os casos non se reportan en moitos países nestas rexións debido á baixa capacidade de proba”, apostillou.

Tedros recordou que a nivel mundial, a OMS enviou millóns de artigos de protección persoal a 105 países e suministros de laboratorio a máis de 127 países. Non obstante, informou de que enviarán moitos máis nas vindeiras semanas.

BAIXAN AS VACINACIÓNS DOUTRAS DOENZAS INFECCIOSAS O director xeral da OMS avisou de que, con motivo da actual pandemia, están a reducirse en moitas partes do mundo a vacinación doutras enfermidades infecciosas como, por exemplo, a polio.

Durante unha rolda de prensa, e con motivo da Semana Mundial da Inmunización, Tedros comentou que moitos servizos sanitarios dedicados ás vacinas reduciron o seu labor asistencial ou, mesmo, pecharon. “Se diminúe a co-bertura de vacinación van producirse novos brotes, incluídos de enfermidades potencialmente mortais como o sarampelo”, advertiu.

Neste senso, o director xeral da OMS comentou que a Alianza Global para Vacinas e Inmunización (GAVI) estimou que, polo menos 21 países de ingresos baixos e medios, xa están a reportar escaseza de vacinas como resultado do peche de fronteiras polo coronavirus. “Ata o de agora, 14 campañas de vacinación apoiadas por GAVI contra a poliomielitis, o sarampelo, o cólera, o virus do papiloma humano, a febre amarela e a meninxite pospuxéronse, o que inmunizaría a máis de 13 millóns de persoas”, lamentou Tedros.

Informou, ademais, de que a alianza ten como obxectivo inmunizar a 300 millóns de nenos en 2025 a través de 18 vacinas, aínda que para iso necesitará uns 6,8 millóns de euros. Por iso, pediu á comunidade global que financie este traballo que pode “salvar moitas vidas”.

28 abr 2020 / 10:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito