Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
José Tomé Roca / Alcalde do concello de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo

“A pandemia do coronavirus o que puxo ó descuberto foi a inmensa inxustiza social que xa existía”

Non merecen ese aplauso aqueles que, instalados na crítica permanente, aproveitaron esta situación para facer política populista e en beneficio propio, sen aportar nada á solución do problema

Están recentes as eleccións autonómicas con maioría absoluta e caras novas. Considera que para mellor? En que medida influirá este resultado nas nosas vidas?

En todos os procesos electorais o que temos que facer é respectar a opinión dos cidadáns nas urnas e desexarlle o mellor a quen ten a responsabilidade de gobernar. Eu considero que o resultado non foi bo para Galicia posto que a Galicia que temos hoxe, con menos sanidade, con menos educación, con menos serviztos sociais, con menos infraestruturas e con máis débeda, é froito dos case doce anos de goberno do señor Feijóo logo de tres lexislaturas, así que o que podemos esperar para os próximos catro anos é máis do mesmo, e espero que non sexan catro anos perdidos para Galicia.

Aínda colean os amargos estertores do Coronavirus. Que debemos facer?

Lamentablemente, esta pandemia deixou de manifesto as debilidades do sistema sanitario que viñeron xestionando as Comunidades Autónomas, que son as que teñen a competencia exclusiva da xestión sanitaria, e o que debemos os cidadáns é acatar e obedecer as recomendacións das autoridades sanitarias para non contaxiarnos a nós mesmos nin ó resto de persoas que poidan ter relación con nós, porque o respecto é a base de toda convivencia, e no caso desta pandemia sanitaria, respectar as normas significa respectar a vida.

Practicou o teletraballo? Con que resultados? Considera que chegou para quedar?

Eu non tiven que teletraballar posto que o persoal directivo, segundo o decreto establecido no estado de alarma, está considerado como persoal esencial, e polo tanto acudín diariamente ó posto de traballo. En relación con esta ferramenta de teletraballo, na miña opinión é que para determinados casos pode ser útil, pero en ningún caso pode substituír ó traballo presencial.

Cambiarán moito as súas vacacións? Onde as gozou no pasado e que fará este verán?

Sen dúbida a pandemia veu a alterar a nosa vida diaria, e polo tanto tamén alterou as vacacións do conxunto dos cidadáns, e a min pasoume exactamente o mesmo que ó resto, e vinme na obriga de reducir o tempo adicado ás vacacións e tamén a restrinxir os movementos e procurar non estar en ambientes con aglomeración de persoas.

Que se pode facer nun mundo tan desigual con millóns de persoas desnutridas, desprazadas, enfermas e sen recursos tras a pandemia?

A pandemia do Coronavirus o que puxo ó descuberto foi a inmensa inxustiza social que xa existía, acentuada agora pola situación sanitaria e económica que se deriva do Covid-19. O problema é a desigualdade no reparto da riqueza, porque non é admisible que, nun mundo onde medra o produto interior bruto como nunca o fixo nas últimas décadas, as desigualdades sociais vaian en aumento, xusto en dirección contraria ó que debería ser. Non é de recibo que unhas poucas familias teñan máis riqueza que a metade da Humanidade xunta. Isto só se pode corrixir dende unha fiscalidade máis xusta, e no caso de España, deberíamos empezar por acercarnos a Europa a cal pertencemos, onde a media europea de presión fiscal está 7 puntos por riba da española. Así que España debería paulatinamente ir converxendo cara esa media europea, para ter mais recursos, e polo tanto, uns mellores servizos para todos.

Para quen o seu aplauso nestes meses negros e quen merece o seu rexeitamento?

O meu aplauso nestes momentos tan difíciles é para todas as persoas, independentemente da profesión á que pertenzan, que estiveron na primeira liña da loita contra a pandemia, no que temos que incluír a todas as profesións sociosanitarias, corpos de seguridade, servizos sociais, e ás autoridades sanitarias que tomaron as difíciles decisións durante o Estado de Alarma decretado con bo criterio polo Goberno de España. E, ó meu modo de ver, non merecen ese aplauso aqueles que, instalados na crítica permanente, aproveitaron esta situación para facer política populista e en beneficio propio, sen aportar nada á solución do problema. E agora, cando teñen a responsabilidade de xeito directo, escóndense e non dan a cara.

O uso das máscaras levanta polémica en certos ámbitos. Parécelle que as medidas adoptadas son as máis convenientes para “salvarnos” do virus?

Parece que a hai un certo consenso en todo o mundo en relación coas medidas de protección, tanto de mascaras, como no uso de xeles hidroalcohólicos ou no que se refire ás distancias sociais. Así que, dende este punto de vista, parece que dentro das posibilidades que temos, son as máis convenientes para prevernos de posibles contaxios.

Teme que as consecuencias económicas poidan variar substancialmente a nosa existencia?

Sen dúbida ningunha a pandemia do Coronavirus vai ter unha incidencia moi importante na actividade económica e polo tanto, imos tardar varios anos en recuperar o dinamismo económico que tiñamos antes da pandemia. O que espero é que a saída da crise sexa máis social do que era antes da pandemia, e que non sigan enriquecéndose uns poucos en detrimento do conxunto da sociedade.

Cre que, como indica unha enquisa, os mozos de hoxe vivirán peor que seus pais?

É unha realidade que a xente moza de hoxe ten soldos máis baixos que os seus pais, así que dende este punto de vista, van ter menos recursos para levar a cabo o seu proxecto vital.

En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudo, relevancia social ou amigos?

Por orde de preferencia, de maior a menor, sitúo a familia, profesión, estudos, amigos, e por último, relevancia social.

Dentro das súas responsabilidades profesionais, en que proxecto está centrado agora?

Neste intre, no Concello de Monforte traballamos en proxectos moi ambiciosos, que estamos pondo marcha en relación coa mobilidade a un lado e outro do río Cabe, coa construción dunha nova ponte, coa mellora da cidade no seu conxunto, tanto rúas como zonas verdes, na mellora do rural e, especialmente neste intre, na atención ós mais castigados pola situación económica e pola pandemia que estamos vivindo.

Algunha persoa tivo influencia en momentos clave da súa vida? Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

Sen dúbida ningunha, sempre hai persoas que inflúen moito na forma de ser de cada un e que marcan o camiño despois ó longo de toda a túa vida. No meu caso, os meus pais inculcáronme o amor pola xente e pola familia, polo traballo, e sobre todo, en ser boa persoa. E no plano político, eu teño dúas persoas que me serviron de exemplo na súa etapa política e sindical, que foron Felipe González e Suso Mosquera.

Comprometido

Nado en Guitiriz, Lugo no ano 1958, foi profesor de Tecnoloxía Agraria na Escola de Capacitación Agraria de Monforte de Lemos, secretario xeral de UGT Lemos e secretario de Formación e Emprego de UGT Galicia, ademais de deputado autonómico do Parlamento de Galicia. No PSdeG-PSOE ocupou distintos cargos na dirección.

Alcalde Monforte tras gañar o PSdeG as municipais de 2015 e reelixido en 2019, cunha ampla maioria absoluta. Deputado provincial e nomeado presidente da Deputación de Lugo o 18 de xullo de 2019 co apoio do BNG.

30 ago 2020 / 00:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito